Sumer

Sumer

Antigo país de Oriente Medio, situado ao S de Mesopotamia. Tivo un gran papel cultural, que influíu decisivamente na vida artística, científica, relixiosa e escritural de Babilonia e Asiria. A célula política básica foi a cidade estado, cun territorio máis ou menos amplo, que exercía nun determinado momento a hexemonía sobre algunhas cidades. As cidades sumerias máis importantes foron Ur, Eridu, Larsa, Uruk, Lagaš, Isin e Nippur. No período protohistórico (3100?-2700 a C) produciuse unha serie de avances moi importantes en Sumeria, obra de dúas culturas: Uruk IV, na que apareceron por primeira vez a arquitectura monumental e, sobre todo, a escritura; e Djemdet Nasr, que constitúe unha fase de consolidación e expansión dos achados de Uruk IV. No período sumerio antigo (2700-2347 a C) Sumer chegou á fase histórica. Case non hai noticias entre 2700 e 2575 a C, agás que Enmebaragisi de Kiš foi sucedido por Agga, quen foi derrotado por Gilgameš de Uruk. A partir de 2575 a C tense máis información grazas aos textos da dinastía I de Ur (2575?-2460 a C) que, fundada por Mesannipada, inclúe outros seis soberanos. Coetánea, en parte, foi a dinastía de Lagaš (2540?-2371 a C), fundada por Urnanše. O monarca máis importante foi Eannatum (2480? a C), que someteu Umma, Uruk, Ur, Akšak e Kiš. A derrota de Urukagina (2378-2371 a C) a mans de Lugalzaggisi de Uruk significou a fin da dinastía. Lugalzaggisi de Umma foi o fundador e único soberano da dinastía III de Uruk (2371?-2347 a C), pero a súa derrota a mans de Sargón I de Accad non só significou a fin da dinastía, senón tamén o predominio dos semitas sobre Sumer durante o período de Accad (2371?-2191 a C, 2347?-2230 a C no caso de Sumer). Sometidos totalmente, os sumerios conseguiron despois independizarse por obra da dinastía IV de Uruk (2230?-2120 a C), cando, por outra banda, os montañeses do L comezaron a ocupar Mesopotamia e inauguraron así o período guti (2240?-2120 a C, 2230?-2120 a C no caso de Sumer). Pero os gutis gobernaron dunha maneira laxa, e así, á marxe da dinastía de Uruk, houbo outra en Lagaš, cuxo xefe máis coñecido foi o patesi Gudea. Foi, non obstante, Utu-Hegal, fundador e único soberano da dinastía V de Uruk (2120-2114 a C), quen expulsou os gutis de Mesopotamia e unificou Sumer. Por pouco tempo, pois Ur-Nammu, gobernador de Ur, acadou o poder e instaurou a dinastía III de Ur (2113-2006 a C), coa que comezou o período neosumerio. O terceiro rei da dinastía, Amar-Sin (2047-2039 a C), someteu Asiria e foi un gran construtor; o seu irmán e sucesor, Šusin (2038-2030 a C) construíu unha muralla de 275 km de lonxitude para oporse aos amoritas, semitas occidentais e nómades. O derrocamento da dinastía veu do L cando os elamitas, os subarios e os qultus marcharon contra Ur e venceron a Ibbi-sin (2029-2006 a C), que uns cantos anos antes sufrira xa a defección dalgunhas cidades, como Larsa (2025 a C) e Isin (2017 a C). Estas dúas cidades predominaron sobre as outras durante o período de fragmentación política que seguiu ao afundimento da dinastía III de Ur. Fundada por Isbi-erra (2017-1794 a C) a dinastía de Isin (2017-1794 a C) tivo seis reis, dos que os máis importantes foron o fundador, Išme-Dagan (1953-1935 a C), que ampliou os dominios coa toma de Uruk e Eridu; e Lipit-Ištar (1934-1924 a C). Con Enlil-bani (1861-1838 a C), Isin foi perdendo terreo ante Larsa, un de cuxos reis, Rim-Sin I, conseguiu derrotar definitivamente a Damiqilišu (1816-1794 a C), último soberano da dinastía. A dinastía Larsa (2025-1763 a C) chegou ao cumio do poder con Sumuel (1894-1886 a C), pois se expandiu para o N, ata tomar Kiš. Un cambio de dinastía, non obstante, situou no trono a Warad-Sin (1834-1823 a C) e despois a Rim-Sin I (1822-1763 a C), que foi derrotado por Hammurabi, que puxo fin a Sumer como entidade política ao unificalo con Babilonia.

Palabras veciñas

Sumba | Sumbawa | Šumen | Sumer | sumerio -ria | sumicio | sumidade