Surinam

Surinam
Nome científico: [nome oficial: República de Surinam; neerl: Republiek van Suriname]

Estado de América meridional, que xunto a Venezuela e Guyana Francesa forman a rexión de Güiana. Limita ao O con Guyana, ao L con Guyana Francesa, ao S con Brasil e ao N co Océano Atlántico (163.820 km2; 420.000 h [estim 2001]). A súa capital é Paramaribo.
Xeografía
O territorio está formado por unha ampla chaira costeira, un altiplano central e unha rexión montañosa ao S. No S sitúanse os montes Wilhelmina e os Oranje, onde se encontran os cumes máis altos (Juliana Top 1.280 m). As costas son baixas e uniformes. O clima é ecuatorial, con estacións seca e chuviosa. A selva pluvial ecuatorial cobre o 95% do territorio. A agricultura concéntrase nas chairas costeiras e nos vales fluviais. Ten como principal cultivo o arroz, seguido de bananas, aceite de palma, cana de azucre, cítricos, coco, millo e vexetais. O bosque produce unha notable variedade de madeiras. Dentro da minaría destaca a produción de bauxita, ferro e níquel. As comunicacións internas debuxan unha rede continua na plataforma litoral, seguida por dúas estradas transversais L-O. Os eixes lonxitudinais S-N están constituídos por ríos navegables. O porto principal é Paramaribo, e o aeroporto, Zanderij. O comercio céntrase na importación de materias semielaboradas, maquinaria, equipamento de transportes e petróleo refinado, a cambio de alumina, crustáceos, aluminio, arroz, bananas e madeira. Os principais provedores son EE UU, Países Baixos e Trinidad e Tobago, e os importadores, Noruega, Países Baixos e EE UU. O saldo é desfavorable. Existe un turismo incipiente. A unidade monetaria é o florín. A distribución da poboación é moi desigual. En Paramaribo concéntrase aproximadamente a metade da poboación. Brokopondo, Nieuw Nickerie e Nieuw Amsterdam, son as cidades máis poboadas, todas na parte setentrional do país.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta por crioulos (35%), hindús (33%), indonesios (16%), amerindios (3%), chineses (1,7%), europeos (1%) e outros (15%). A lingua oficial é o neerlandés. O grupo relixioso maioritario é o hinduísta (27,4%), seguido dos católicos (21,1%), musulmáns (19,7%), protestantes (16,5%), e seguidores doutras relixións (15,3%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Surinam entre os países cun desenvolvemento humano medio (67º posto mundial cun índice de 0,780). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 68 anos para os homes e 73 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 71% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 94% e o PNB real por habitante é de 6.590$ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia holandesa, en 1954 adquiriu a autonomía e o 25 de novembro de 1975 a independencia. Segundo a Constitución de 30 de setembro de 1987, o poder executivo corresponde ao presidente, asistido por un vicepresidente, elixido para un período de 5 anos por un colexio electoral formado a partir do parlamento. O poder lexislativo exérceo a Nationale Assemblée, composta por 51 membros elixidos para un período de 5 anos por sufraxio directo. O sistema legal baséase no sistema holandés ao que se engadiu a teoría penal do francés. Permanece formalmente en vigor a pena de morte. As principais forzas políticas son a coalición Nieuwe Front voor Democratie en Ontwikkeling (NF), formada por Nationale Partij Suriname (NPS), Vooruitstrevende Hervormingspartij (VHP), Pertjajah Luhur (PL) e Surinaamse Partij van de Arbeid (SPA); o Nationale Democratische Partij (NDP); e as alianzas Volksalliantie Voor Vooruitgang (VVV) e A-Com. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Organización dos Estados Americanos (OAS), Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU e está asociado á UE.
Historia
Colonia inglesa desde 1651, foi conquistada polas Provincias Unidas (1665-1667). O territorio recibiu inmigración moi diversa e foron importados escravos negros. En 1796 Inglaterra apoderouse da colonia, pero máis tarde (1816) devolveuna aos Países Baixos. En 1863 foi abolida a escravitude, feito que facilitou a inmigración de man de obra estranxeira, principalmente india, paquistaní e indonesia. En 1954 obtivo a autonomía, e en novembro de 1975, a independencia. As eleccións de 1977 deron a maioría parlamentaria ao NDP. Tras o golpe de estado militar de 1980, exerceu o poder un consello nacional militar e H. Chin A Sen converteuse en primeiro ministro e presidente. Logo dun intento de golpe de estado destinado a restaurar a democracia (1981), H. Chin A Sen foi obrigado a dimitir (1982). En 1985 permitiuse a actividade dos partidos políticos e foi inaugurada unha asemblea nacional. Nas eleccións lexislativas de 1987 a NF, partido da oposición, acadou a maioría absoluta e Ramsewak Shankar foi nomeado presidente. O país padeceu, non obstante, numerosos golpes de estado e tivo que facer fronte á guerrilla. Logo dun novo golpe de estado en 1990, nas eleccións de 1991 foi designado presidente Runaldo Venetiaan, do NPS, reelixido en 2000.