Táboa Democrática de Galicia
Organismo unitario integrado pola práctica totalidade dos partidos de esquerdas de Galicia de carácter estatal non nacionalista: o PC de Galicia, a Federación Galega do PSOE, o Partido Socialista Popular (PSP) de Galicia e os comités nacionais galegos da Organización Revolucionaria de Trabajadores (ORT) e do Partido del Trabajo de España (PTE), xunto a outras pequenas forzas e persoeiros independentes. Vertebrou a estratexia da oposición, que consistía nunha acción combinada de presión e negociación, e defendeu o establecemento dun goberno autónomo para Galicia, con carácter transitorio, en base aos principios e institucións do Estatuto de Autonomía de 1936, como sistema de articulación política nun futuro estado democrático e ata que o pobo galego decidise unha nova fórmula de articulación. Integrouse na Plataforma de Organizaciones Democráticas.