Taboada Chivite, Xesús María
Arqueólogo, historiador e etnógrafo. Formouse na Escuela Oficial de Telegrafía e na Escuela Central Superior de Comercio de Madrid. Comezou a traballar no Centro de Telégrafos de Madrid e en 1930 foi destinado a Ourense, onde entrou en contacto cos membros da Xeración Nós e cos que comezou a colaborar nas campañas de recollida de datos do Seminario de Estudos Galegos. Foi delegado da Federación de Mocedades Galeguistas en Verín e, coa Guerra Civil Española, foi trasladado á Coruña e mobilizado en 1937. Ao rematar a guerra dedicouse á docencia na Academia Verinense (1941-1968), e á investigación, fundamentalmente da historia da vila, da comarca verinesa e da provincia de Ourense e de aspectos etnográficos. Nomeado comisario local de escavacións arqueolóxicas (1943), realizou traballos arqueolóxicos e comezou a súa colaboración en diversas publicacións como o Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense ou o Archivo Español de Arqueología. En 1949 foi elixido presidente da sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, colaborou activamente en Cadernos de Estudios Galegos e en 1972 converteuse en director da sección de Arqueoloxía e Prehistoria. En 1949 comezou os estudos de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela, dos que obtivo a licenciatura en 1951. Ao ano seguinte nomeárono cronista da vila de Verín. En 1953 presentou no III Congreso de Arqueoloxía de Galicia, a Carta Arqueolóxica da Comarca de Verín e comezou a súa colaboración no Boletín da Real Academia Galega. En 1961 iniciou a restauración do castelo de Monterrei, realizada por Francisco Pons Sorolla. Director da sección de arqueoloxía do Boletín Auriense (1971), reanudou, xunto con X. Ferro Couselo, a publicación do Boletín do Museo de Ourense en 1972. Dirixiu a sección de etnografía da Gran Enciclopedia Gallega e, xunto aos seus artigos en diversas publicacións, destacan Varones ilustres de la comarca verinense (1946), Monterrey (1960), Escultura celto-romana (1965), Guía de Monterrey (1965), Etnografía galega: Cultura espiritual (1972) e, publicados postumamente, Ritos y creencias gallegas (1980), Ritos galegos de Nadal (1992) e Refraneiro galego (2000). Correspondente da Real Academia Galega desde 1952, ingresou como membro numerario en 1965 co discurso “O culto das pedras no noroeste peninsular”. Participou en numerosos coloquios e congresos arqueolóxicos e etnográficos e foi membro de diversas asociacións. Foi, entre outros, correspondente da Asociación Española de Etnología y Folclore (1951), da Associação dos Arqueólogos Portugueses (1957) e da Real Academia de la Historia (1959), vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego (1976), membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, numerario da Sociedad Española de Antropología, Prehistoria y Etnografía, patrón do Museo del Pueblo Español de Madrid e membro da Société Internadionale d’Ethnologie et de Folklore de París.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Verín -
Deceso