Tahiti
Illa de Oceanía situada no arquipélago da Sociedade, na Polinesia Francesa (1.042 km2; 131.309 h [1988]). A cidade máis importante é Papeete. Consta de dúas partes constituídas por masas volcánicas antigas unidas por un estreito itsmo e rodeadas dunha barreira coralina. Ten cultivos de cocoteiros na costa e bananas e vainilla nas vertentes. A copra e o turismo son as riquezas principais. Habitada por tribos polinesias de relixión animista, non constituíu un reino único antes da chegada dos europeos. Foi descuberta en 1767 polo capitán inglés Samuel Wallis e posteriormente explorada por Bougainville (1768) e por James Cook (1769, 1773-1774 e 1777). O vicerrei de Perú, Manuel d’Amat, enviou en 1772 unha expedición por orde de Carlos III, que fundou unha misión franciscana tres anos máis tarde. En 1797 os misioneiros da London Missionary Society puxéronse de acordo co Rei Pomaré II e axudárono a dominar toda a illa, obxectivo que acadaron en 1815. Ao comezo do reinado da Raíña Pomaré IV (1827 -1887), os británicos expulsaron os misioneros católicos franceses enviados a Tahiti, pero en 1838 unha expedición naval francesa ocupou a illa e en 1842 impuxo un protectorado. Baixo o reinado de Pomaré V (1877-1880), Francia anexou definitivamente a illa. A economía baseouse nun feble comercio e no cultivo de copra, vainilla e café. Despois da Segunda Guerra Mundial, Francia instalou na illa un centro de experimentación nuclear no Pacífico. En 1958 a axitación popular promovida polo Rassemblement Démocratique du Peuple Tahitien acabou coa condena do seu líder Pouvanaa a Oopa. Desde entón converteuse en territorio de ultramar, cunha autonomía limitada.