Tailandia

Tailandia
Nome científico: [nome oficial: Reino de Tailandia; tai: Muang T’hai, Prathet T’hai]

Estado do SL de Asia situado no centro da península de Indochina, ao N do golfo de Siam, cunha prolongación ao S, na península de Malacca. Limita ao N e ao O con Myanmar, ao NL e ao L con Laos, ao SL con Camboxa, e ao SO co Océano Índico (513.015 km2; 61.213.000 h [estim 2001]). A súa capital é Bangkok.
Xeografía física
O corazón do país está constituído pola fértil chaira do río Chao Phraya, formado pola confluencia dos ríos Ping e Yom, que desemboca en delta no golfo de Siam. O N e o O do país son montañosos, formados por cordilleiras graníticas paralelas sucadas por vales estreitos e profundos. Cara ao S as cordilleiras convértense nunha única que se prolonga pola península de Malacca. Ao L da conca do Chao Phraya érguense os outeiros escarpados do Phaya Yen. Máis ao L esténdese o altiplano do Nakhon Ratchasima, rexión inhóspita limitada ao S pola cordilleira de Dongrak e ao L e ao N polo val do Mekong. O clima é monzónico, con temperaturas altas e relativamente constantes todo o ano. As precipitacións son altas de maio a outubro debido ao monzón do SO. As zonas máis húmidas son a costa, a chaira do Chao Phraya e sobre todo a península de Malacca. No verán, o golfo de Siam é devastado a miúdo polos tifóns. Preto da metade do territorio está cuberto de bosque, selva pluvial nas terras occidentais, bosque monzónico seco nas partes baixas de Nakhon Ratchasima e monzónico húmido exuberante nas montañas do N.
Xeografía económica
A agricultura é a base da economía en canto á forza laboral. O cultivo máis importante é, con diferenza, o arroz, sobre todo na chaira central. Abrangue un 90% da superficie cultivada e constitúe o principal modo de vida e de intercambio comercial, converténdose xunto con Myanmar, nun dos principais exportadores mundiais de arroz. Outros cultivos destacados son a mandioca, o caucho (Malacca), a cana de azucre, o millo (Nakhon Ratchasima) e o kenaf. Nas zonas altas predominan os cultivos itinerantes. A gandaría está constituída principalmente por búfalos, bois, porcos e aves. O bosque, progresivamente talado para aumentar os cultivos, proporciona recursos forestais abundantes, pero foi preciso levar a cabo unha repoboación, pois a masiva tala fixo perigar a extracción de caucho e a industria madeireira. A pesca, tanto marítima como fluvial, constitúe, xunto co arroz, a base da alimentación. O comercio do peixe e derivados representa o 10% do total das exportacións. O subsolo é rico en minerais, polo que é un dos sectores que máis avanzou. A principal extracción é de pedras preciosas, especialmente diamantes. Hai tamén xacementos de gas natural e, en menor cantidade, de petróleo (golfo de Siam). Outros minerais explotados son o estaño (Malacca), o lignito, o xeso, o tungsteno, o chumbo, o antimonio, o manganeso, o cobre e o cinc. As industrias máis importantes son a téxtil e a electrónica e a de derivados do petróleo. Os provedores e clientes principais son Xapón, EE UU e Singapur.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por tais (98,8%), cunha minoría de chineses (0,9%) e doutros grupos (0,2%). A lingua oficial é o tai. A relixión máis practicada é a budista (94,8%), seguida da musulmá (4%), a cristiá (0,6%) e outras (0,6%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Tailandia entre os países cun desenvolvemento humano medio (76° posto mundial cun índice de 0,768). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de de 69 anos para os homes e 73 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 92,6% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 73%, e o PNB real por habitante é de 7.010$ EE UU.
Goberno e política
Monarquía constitucional con réxime parlamentario desde 1932, a Constitución entrou en vigor o 11 de outubro de 1997. O sufraxio é universal e obrigatorio. O poder executivo reside no monarca, hereditario, e no primeiro ministro, que é designado pola Saphaputhan Ratsadon (Cámara de Representantes). O poder lexislativo reside na Ratha Sapha (Asemblea Nacional) formada por dúas cámaras: a Saphaputhan Ratsadon, composta por 438 elixidos para un período de 4 anos dos que 100 son elixidos por representación proporcional, e o Wuthisapha (Senado), composto por 200 membros elixidos directamente para un período de 6 anos. O sistema legal baséase nas leis civís con influencia da Common Law; non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: o Phak Thai Rak Thai (Thais que aman os Thais, TRT); o Phak Prachatipat (Partido Demócrata, PP); o Phak Chart Thai (Partido da Nación Thai, PCT); e Phak Machacon (Partido da Gran Xente, PM). Organismos internacionais: Cooperación Económica Asia-Pacífico, Organización do Tratado do Sueste Asiático (SEATO) e ONU.
Historia
Orixinariamente habitado polos mons e os khmers, desde o s VIII comezou a presenza dos tais no territorio do país, que emigraron de Yunnan fuxindo da presión mongola, adoptaron o budismo e crearon os reinos de Sukhothai, Savankalok e Lop Buri (s XIII). Rāma Kameng (1283-1318) estendeu o Reino de Sukhothai e desenvolveu unha civilización notable nos terreos artístico, filosófico e literario ata que o príncipe U’ Tong, -fundador (1347-1350) dun reino ao S de Lop Buri-, o someteu en 1350. En 1431 o rei Boromoraja II de Sukhothai aniquilou o imperio dos khmer. A monarquía fortaleceuse e acadou un carácter divino e pasouse dun sistema patriarcal e tribal a outro de esencias feudais. Desde 1509, despois da chegada dunha embaixada do vicerrei Afonso de Albuquerque, os europeos foron autorizados a residir en Siam ata 1688, cando o Rei Phra Phetraja, vetou a súa entrada ao país. Na primeira metade do s XVIII produciuse un renacemento literario, que acabou cando os birmanos volveron inquietar Siam, saqueando en 1767 a capital, Ayutthaya. Cara a 1770, o xeneral chinés Paya Tak reagrupou os tais e reconstruíu o reino. O seu sucesor, o xeneral Phraya Xakri, proclamouse rei e inaugurou a dinastía xakri co nome de Rāma I, ao tempo que estableceu a capital en Bangkok, modernizou a lexislación e protexeu a cultura. Os europeos volveron a Siam baixo o reinado de Rāma II e a adaptación dos monarcas siameses ao sistema occidental permitiulles resistir a presión colonial (tratados de 1896 e 1904). Aínda que o sistema colonial se mantiña vixente, en 1874 foi abolida a escravitude. A partir de 1930 a crise económica fixo cristalizar unha revolución que transmitiu o poder á pequena nobreza e á clase media do país, a través dun golpe de estado (1932), e da nova constitución. O nacionalismo siamés acentuouse coa chegada ao poder do xeneral Phibun Songgran en 1938. En 1939, o país modificou o seu nome, Siam, polo de Tailandia. En 1941 entrou na órbita xaponesa e un ano máis tarde interveu na guerra contra os aliados. En 1945 os sectores pro-occidentais volveron ao poder, pero a guerra de Indochina e a crise económica potenciaron un novo golpe de estado en 1948, que lle devolveu o goberno a Phibun Soggram. Baixo o reinado de Bhumibol Adulyadej (Rāma IX) o réxime liberalizouse ata 1957, cando o xeneral Sarit Tharanat derrocou o goberno de Phibu e instaurou un réxime ditatorial de dereita. Durante a segunda metade do s XX, Tailandia converteuse nun dos redutos máis importantes das potencias occidentais no SL asiático. EE UU estableceu alí numerosas bases militares, desde onde atacaba a Vietnam. A partir de 1965 xurdiron núcleos guerrilleiros nas fronteiras con Laos e Malaisia, e o país volveu ao sistema constitucional en 1973. Establecéronse relacións con China, Laos e Vietnam, e as bases estadounidenses foron clausuradas, aínda que os seus intereses permaneceron intactos. En 1976, a subida do prezo do arroz provocou unha revolta popular e, despois dunhas eleccións gañadas polas forzas democráticas, produciuse un golpe de estado que estableceu novamente unha ditadura militar de dereita, que aboliu a Constitución de 1974. En 1977 outro golpe de estado levou ao poder ao almirante Sangad Chalowyu, que promulgou unha nova constitución (a onceava desde 1932). O xeneral Kriangsak Chomanan, comandante supremo das forzas armadas, foi nomeado primeiro ministro, cargo que mantivo ata 1980, cando foi sucedido polo xeneral Prem Tinsulanonda, que formou gobernos inestables. En 1988 renunciou ao cargo, que ocupou o xeneral Chatichai Chaonhaven. En 1989 a guerrilla comunista depuxo as armas. Chaonshaven foi substituído en 1991 polos xenerais Sunthorn e Suchinda, que finalmente tiveron que prometer reformas democráticas. Despois das eleccións de 1992 ocupou o poder o PP, e nas lexislativas de 1995 foi substituído polo partido de dereitas PCT. Desde 2001 formouse un goberno de coalición entre o TRT, o PCT e o PKWM, con Thaksin Shinawatra como primeiro ministro.