Taiping, Rebelión dos
Taiping, Rebelión dos
[HIS]
Revolta de carácter social e político levada a cabo en China entre 1851 e 1864 que contribuíu á caída da dinastía Qing. O seu inspirador foi Hong Xiuquan (1814-1864), un visionario convertido ao cristianismo que se proclamou ‘rei celestial’ do Taiping Tianguo (Reino celeste da paz universal). O seu fin era facer desaparecer o confucianismo e o budismo, eliminar o poder dos funcionarios e terratentes, e distribuír as terras a todos para conseguir unha sociedade de iguais. Os Taiping tomaron Wuhan (1853), Nankin (1853) -onde instalaron a capital- e Tianjing pero, a pesar das primeiras vitorias, a contraofensiva oficial derrotounos en 1864.