Talavera de la Reina
Municipio da provincia de Toledo, Castela-A Mancha, situado na beira do Tajo (75.369 h [2001]). É o primeiro centro urbano da provincia. Establecida sobre a antiga cidade romana de Caesarobriga, foi conquistada por Ṭ ãriq ibn Ziyãd (712) e reconquistada por Afonso VI en 1082. Tivo unha notable industria de cerámica de vidro nos ss XVI-XVIII da que destacaron as manufacturas dos tecidos de seda. Nos seus arredores tivo lugar a Batalla de Talavera de la Reina (1809) entre un exército angloespañol e as tropas francesas, que saíron derrotadas. Conserva un recinto amurallado (BIC, 1931), en que se atopa a Porta de Sevilla (s XVI). Destacan edificios relixiosos como a colexiata de Santa María (ss XIV-XV), a igrexa de Santiago, dos ss XIV-XV (BIC, 1931), con fachadas mudéxares e interesantes azulexos na capela bautismal (s XVIII), a basílica de Nuestra Señora del Prado (BIC, 1933), o palacio dos marqueses de Villatoya (BIC, 1992) e o Colegio Cervantes (BIC, 1992).