Tambre

Tambre

Río da vertente atlántica. Nace a 500 m de altitude na parroquia da Porta, no concello de Sobrado, da confluencia de varios regos que drenan os montes do Bocelo, entre eles o Rodelo, que forma a lagoa de Sobrado. O seu curso adopta unha dirección básica L-O, que se adapta ás fracturas tectónicas que atopa ao seu paso, e coa que drena os concellos de Sobrado, Vilasantar, Mesía, Boimorto, Frades, Arzúa, Oroso, O Pino, Santiago de Compostela e Trazo. A partir do límite entre estes dous últimos concellos a súa dirección vira definitivamente cara ao SO. Atravesa entón os concellos de Val do Dubra, Ames, A Baña, Brión e Negreira, servindo de límite municipal entre eles, como xa fixera nalgúns casos no seu curso alto. O encoro Barrié de la Maza represa o seu caudal ao longo de 14 km. A partir de aquí, o seu curso, que nos seus primeiros 30 km se dirixía cunha suave pendente, continúa o seu percorrido polo límite entre Negreira, Outes e Noia cunha pendente máis acusada. Desemboca na ría de Muros e Noia pola enseada do Engano, despois de percorrer 134,5 km e drenar unha conca de 1.531km2. O caudal medio é duns 51,3 m3/s. Recibe aos afluentes pola vertente setentrional, dos que destacan o Dubra e o Barcala. O esteiro do Tambre foi incluído como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na proposta da Rede Natura 2000, en 2001.