Tanis

Tanis

Antiga cidade exipcia situada 167 km ao NL do Cairo (actual San el-Haggar). A súa antigüidade parece remontarse ao Imperio Antigo (2682-2181 a C). Durante o segundo Período Intermedio foi a capital das dinastías XV (1674 -1567 a C) e XVI (1684-1567 a C), época durante a que se chamaba Avaris. A súa conquista por Ahmosis significou o fin da dominación hicsa en Exipto. Durante a dinastía XXI, pasou de sede do nomós XIV do Baixo Exipto a capital de todo o país. Entrou en decadencia a partir da XXVI (664-525 a C) pola competencia de Sais. Atopáronse o Gran Templo, a columnata palmiforme, dezaoito obeliscos, hoxe esnaquizados, estelas e estatuas de Ramsés II, o lago sagrado do reinado de Nectanebo II e a necrópole real con tumbas dos faraóns das dinastías XXI-XXII.

Palabras veciñas

Tanimbar, illas | tanino | Taninthāri Taing | Tanis | taniscar | Tanit | taníxeno