Tanzania

Tanzania
Nome científico: [nome oficial: República Unida de Tanzania; swahili: Jamhuri ya Muungano wa Tanzania; ingl: United Republic of Tanzania]

Estado de África oriental, que limita con Uganda e Kenya ao N, co Océano Índico ao L, Zambia, Malawi e Moçambique ao S e República Democrática do Congo, Burundi e Rwanda ao O (945.090 km2; 34.569.232 h [2002]). A súa capital é Dodoma.
Xeografía

Xeografía física
A maior parte do país está formado por un extenso altiplano, cunha altura media de entre 1.000 e 1.400 m, que está limitado ao L pola rexión costeira do Índico e ao O polo afundimento tectónico do Rift Valley, e ocupado polos lagos de Tangañika, Niassa e Rukwa. O N está bañado por outro mar interior, o lago Vitoria. Os relevos máis altos son grandes volcáns ou conxuntos volcánicos que se sitúan ao NL e ao S. Destacan o Kilimanjaro (5.895 m), o Meru (4. 567 m) e o gran macizo de Ngorongoro. Os relevos meridionais están formados principalmente polo macizo de Kipengere, que limita no litoral N do lago Niassa. O resto do país é baixo e correspóndese coa chaira litoral e as illas de Zanzíbar, Pemba e Mafia, de orixe coralina. O clima é tropical, matizado pola altitude. As augas da maior parte de Tanzania son tributarias do Océano Índico. O río máis importante é o Rufiji, navegable nalgúns treitos, destacan tamén o Ruvuma e o Ruvu. O lago Tangañika recolle as augas do Ruzizi e do Malagarasi. A vexetación máis representativa ten carácter de sabana ou ben de selva seca, con galerías de bosque húmido. As zonas continentais do N e do centro son as máis áridas.
Xeografía económica
A economía de Tanzania é a propia dun país subdesenvolvido e condicionado pola infraestrutura colonial, aínda que dispón de considerables recursos naturais. O sector primario é o máis importante, en 2001 agrupaba o 80% da poboación activa. Os cultivos principais son os do café, algodón, tabaco, té, sisal, cocos e azucre. Ademais, hai unha importante parte da agricultura destinada á subsistencia, con numerosos produtos, entre os que destacan a mandioca e o millo. Os bosques producen importantes cantidades de maneira de cedro e bambú. A gandaría bovina está estancada, mentres que medra a de gando menor. A pesca ten certa importancia nos lagos, sobre todo no Vitoria. Na produción mineira, ocupa o primeiro lugar de produción de diamantes e outras pedras preciosas. A electricidade é principalmente de orixe hídrica, e as industrias máis importantes son a alimentaria, a téxtil e a do tabaco. A rexión industrial principal é a de Dar es Salaam. Tanzania exporta basicamente primeiras materias (café, algodón e tabaco) e importa equipamento de transporte e produtos manufacturados. As exportacións diríxense sobre todo a Alemaña, Reino Unido e India, mentres que os provedores principais son Reino Unido, Xapón e Alemaña. A balanza é moi negativa. Posúe un aeroporto internacional en Dar es Salaam.
Xeografía humana
O crecemento natural da poboación situouse en 1999 no 27,8‰. As zonas máis poboadas son as rexións costeiras, as ribeiras do lago Vitoria, as rexións volcánicas e Zanzíbar. Os núcleos urbanos son pouco importantes pois o 67,1% da poboación é rural. A cidade principal é Dar es Salaam.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por africanos (97%) e agás os masai no N, é de orixe bantú, formada por máis dun centenar de tribos, entre elas os sukumas, os nyamwesis e os swahilis. A lingua oficial é o inglés e o swahili. Os grupos relixiosos son os cristiáns (44%), musulmáns (37%) e animistas (19%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Tanzania entre os países cun desenvolvemento baixo (162° posto mundial cun índice de 0,407). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de de 44 anos para os homes e 45 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 39,8% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 52% e o PNB real por habitante é de 580$ EE UU.
Goberno e política
República federal de carácter presidencialista, a República Unida de Tanzania formouse o 25 de abril de 1964 coa unión de Tangañika, que acadara a independencia o 9 de decembro de 1961 do Reino Unido, e Zanzíbar, independente do Reino Unido desde o 19 de decembro de 1963. O 25 de abril de 1977 aprobouse a Constitución, que se revisou en 1984. O poder executivo correspóndelle ao presidente da república, elixido por sufraxio universal para un período de 5 anos, e o primeiro ministro. O poder lexislativo reside na Bunge/ National Assembly, formada por 274 membros, elixidos para un período de 5 anos, destes 37 son reservados para mulleres polo presidente e 5 para membros da Zanzibar House of Representativ. O sistema xudicial baséase na common law británica. Non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: Chama cha Mapinduzi (Partido da Revolución, CCM), Chama Cha Wananchi (Fronte Cívica Unida, CCW), Chama cha Democracia na Maendeleo (CHADEMA), Tanzania Labor Party (TLP) e United Democratic Party (UDP). Organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia
A república de Tanzania constituíuse o 25 de abril de 1964 a partir da unión de Tangañika e Zanzíbar, con Julius Nyerere como presidente. A pesar da axuda económica dos países socialistas, estalaron desordes sociais e revoltas militares que motivaron unha intervención británica. O Tanganyika African National Union (TANU) converteuse na espiña dorsal do exército e aumentou o seu poder. A partir de 1965 o TANU adoptou a ideoloxía socialista de forma radical. A declaración de Dar es Salaam de 1971 significou o ascenso ao poder do sector máis radical do TANU. En 1977 aprobouse unha nova constitución baseada nos principios socialistas e o TANU de Tanganyika e o ASP de Zanzíbar fundíronse nun novo partido, o CCM. O estado de Zanzíbar adoptou en 1985 unha nova constitución que aumentó a autonomía. Ali Hassan Mwinyi, presidente de Zanzíbar e vicepresidente de Tanzania desde 1984, converteuse en 1985 no novo xefe de estado e comezou unha liberalización do réxime. En 1995 producíronse as primeiras eleccións democráticas que gañou o CCM. Benjamin William Mkapa acadou a presidencia e foi reelixido en 2000. Durante os seus mandatos iniciou reformas económicas que levaron ao control da inflación e a un alto crecemento económico, aínda que insuficiente para cubrir as necesidades do país.