targum
(< hebreo targūm)
Antiga versión aramea da Biblia hebrea. Provén orixinariamente da tradución oral das lecturas bíblicas na sinagoga, cando os xudeus deixaron de empregar o hebreo para servirse do arameo. Os principais targums, anteriores á era cristiá, son o Targum de Onkelos e o Targum de Palestina ou de Xerusalén, ambos os dous sobre o Pentateuco. Existen diversas recensións como o Targum de Xerusalén I e o Pseudo-Jonatan, que combina o Onkelos co de Palestina. O Targum de Xerusalén II e o Neofiti I, que representa a forma orixinal e completa do Targum de Palestina. Sobre os Profetas, o máis destacado é o Targum de Jonatan ben-Uzziel, de orixe palestina, aínda que difundido en Babilonia. Sobre os libros sapienciais quedan os textos marxinais das Biblias rabínicas e fragmentos de Xob atopados en Qumrān. Destaca tamén o Targum samaritano no Pentateuco en arameo samaritano.