Tarragona
Capital da provincia homónima, Catalunya (113.129 h [2001]). A economía, sen ningún sector agrícola importante, dependeu basicamente do comercio portuario e da industria vitivinícola, ata que, entre 1925 e 1935, se puxeron en funcionamento a fábrica de tabaco e as factorías de CAMPSA e da Unión Azufrera. Ten industrias do metal, do plástico, dos cartóns e embalaxes, de alimentación e bebidas, auxiliares da construción e do ramo da madeira. Entre 1965 e 1967, establecéronse as grandes factorías petroleoquímicas, que transformaron Tarragona nun centro deste sector a escala europea. Destaca tamén a pesca e o turismo. Poboada por ilerxetes e cosetanos, foi conquistada en 219 a C por Publio e Cneo Escipión. Foi capital da provincia Tarraconense (Tarraco). Conquistada polos musulmáns en 714, foi reconquistada por Ramón Berenguel III en 1109. Do seu patrimonio cultural destacan os restos da antiga Tarraco, entre outros, o anfiteatro (BIC, 1924), o acueduto de Les Ferreres (BIC, 1905) e a torre dos Escipións (BIC, 1926).