tarrañola

tarrañola

(< terreño)

  1. s f [MÚS]

    Instrumento tradicional galego de percusión, que pertence ao tipo dos idiófonos, no que o son é producido mediante o batemento dos seus elementos constitutivos. Teñen a súa orixe nas culturas antigas de Mesopotamia e Exipto, onde se documentan diversos exemplares. No resto da Península Ibérica reciben o nome de palillos ou tejoletas, e en Irlanda bones (ósos), xa que se realizan con dous ósos de costela de gando vacún. Respecto da música galega a primeira documentación da que se ten constancia son as miniaturas das Cantigas de Santa María, onde aparecen varios músicos con este instrumento. Está formado por dúas pequenas táboas planas de madeira dunhas dimensións aproximadas de 16x3x0,5 cm. As madeiras empregadas na súa construción deben ser duras e pesadas para que teñan unha maior sonoridade e, entre elas, destaca o buxo, o pau rosa ou o granadillo. A forma máis habitual é a rectangular, aínda que tamén poden presentar os extremos inferiores en forma de pa plana para producir maior sonoridade. Algúns exemplares presentan unha incisión ou “asento” para encaixar mellor as pezas entre os dedos e así evitar que caian durante a interpretación. Suxéitanse introducindo unha das pezas entre os dedos índice e corazón e apreixando este último dedo contra a palma da man; a outra peza vai introducida entre o anular e o corazón e apertada polo primeiro, tamén contra a palma da man. Posteriormente, para producir o son, descríbese un arco no aire ao mesmo tempo que xira o pulso. Os ritmos máis habituais nas tarrañolas son os de muiñeira (6/8) e xota (3/4), aínda que tamén é moi característico o redobre. OBS: Normalmente emprégase en plural.

  2. s f [MÚS]

    Cada unha das pezas deste instrumento.

Palabras veciñas

Tarragona | Tarragona | tarrancha | tarrañola | tarrantés | tarraxa | tarraxar