Tarrío Varela, Anxo
Crítico literario. Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor na mesma especialidade pola Universidad de Oviedo, é desde 1993 catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe o proxecto “Dicionarios de Literatura” no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, do que ademais é director técnico da sección de Literatura. Membro do consello de redacción da revista Discursos, da Universidade Aberta de Coimbra, pertence ao consello reitor da revista Ínsula. Fundador e director do Boletín Galego de Literatura, colaborou en diversas publicacións de dentro e fóra de Galicia, como Anales de la narrativa española contemporánea, Colóquio Letras, Dorna, Encrucillada, El Extramundi, Grial, Linguistica e letteratura e Revista de Filología Románica, e semanalmente en O Correo Galego (1995-1997) e El Correo Gallego. Tamén colaborou nos xornais El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, entre outros. Estudoso da obra e da vida de Á. Cunqueiro, E. Blanco Amor, R. Dieste e dos autores da Xeración Nós, é autor de varios libros e artigos sobre algúns dos escritores máis destacados das letras galegas. A análise das novelas de Otero Pedrayo, a melancolía en Cunqueiro e as influencias doutras literaturas na narrativa galega son algúns dos temas analizados nos seus libros e nas múltiples conferencias e programas en que participou dentro e fóra de España. Da súa obra cómpre salientar as monografías De letras e de signos (1987), Literatura gallega (1988), Álvaro Cunqueiro ou os disfraces da melancolía (1989), Primeiras experiencias narrativas de Eduardo Blanco-Amor (1993) e Escrito en Compostela (1997), entre outras. Recibiu o Premio Internacional de Investigación Galdós 1979 polo seu libro Lectura semiológica de Fortunata y Jacinta (1979) e o Premio da Crítica Galicia 1995 por Literatura Galega. Aportacións a unha Historia Crítica (1994).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela