Tarso

Tarso

Cidade do il de Içel, Turquía, situada nas ribeiras do Tarso (190.184 h [1997]). Fundada polos fenicios (ca s XII a C), foi sometida por Salmanasar III (s IX a C), por Senaquerib (s VII a C) e polos persas. Conquistada por Alexandre o Grande en 333 a C, pasou aos seléucidas. Sometida por Cneo Pompeio, foi capital da Cilicia romana. As súas escolas de filosofía e retórica rivalizaron, durante o Imperio Romano, coas de Alexandría e Atenas. Foi bizantina ata o s VII e conquistada polos árabes en 780. Nicéforo II Focas reconquistouna en 965 e foi dada en feudo ao armenio Mieh (1173) que, en 1199, a converteu en capital do Reino de Armenia. En 1359 foi asediada e destruída polos mamelucos.