telégrafo

telégrafo

(< 1 tele- + -grafo)

  1. s m [COMUN]

    Sistema de transmisión de mensaxes a distancia por medio dun código de sinais convidos. As telecomunicacións modernas comezaron co telegráfo eléctrico desenvolto polo estadounidense Samuel Morse entre 1832 e 1844, que construíu, entre Washington e Baltimore, a unha distancia de 64 km, e financiada polo Congreso de EE UU, a primeira liña de telégrafo. Era unha liña dun único condutor de ferro con retorno por terra. O servizo foi inaugurado en 1844 co envío dunha mensaxe desde entón famosa na historia das telecomunicacións: What hath God wrougt? (‘Que forxou Deus?’). O telégrafo de Morse empregou o código que leva o seu nome, permite transmitir letras, números e caracteres especiais mediante unha combinación de puntos e raias con diferentes intervalos de tempo para distinguir entre caracteres e palabras. O receptor consistiu nun solenoide que ao recibir a corrente actuaba sobre un mecanismo de impresión dos puntos e raias nunha cinta de papel. As liñas de telégrafo que xa empregan cobre estendéronse rapidamente por todo o mundo. En 1858 instalouse unha liña submarina entre EE UU e Europa pero fallou e houbo que esperar ata 1866 para dispoñer dunha liña transatlántica permanente.

  2. s m [TECNOL/COMUN]

    Aparato que utiliza este sistema de transmisión.

  3. s m [COMUN]

    Administración da que depende este sistema de comunicación. OBS: Emprégase xeralmente en plural.

  4. telégrafo eléctrico [TECNOL/COMUN]

    Telégrafo que utiliza sinais eléctricos que se transmiten por cables ou liñas. Considérase o tipo de telégrafo máis perfeccionado e o seu uso dá lugar á telegrafía eléctrica.

  5. telégrafo impresor [TECNOL/COMUN]

    teletipo.

  6. telégrafo mariño [COMUN]

    Sistema de combinacións de bandeiras ou outros sinais que utilizan os barcos para a comunicación no mar.

  7. telégrafo sen fíos [TECNOL/COMUN]

    Telégrafo eléctrico en que a transmisión dos sinais faise mediante ondas hertzianas.