Temple, orde do
Orde relixiosa militar, fundada en Xerusalén en 1118, por Hugues de Payns e Geoffroy de Saint Omer, xunto con outros nove cabaleiros que formaron a confraría dos Pobres Cabaleiros de Cristo. O Rei Balduíno II de Xerusalén puxo á súa disposición un edificio construído sobre as ruínas do antigo templo de Salomón, de onde provén o nome de Milites Templi Salomonis e, o termo francés, máis popularizado, de Temple. A súa misión era protexer os peregrinos e defender Terra Santa. Como emblema usaban o Beauséant, unha bandeira rectangular dividida en dous cadrados, un negro e outro branco. En 1128 a orde foi aprobada no Concilio de Troyes. Rexíanse pola regra do Císter de san Bernaldo de Claraval, quen lles dedicou o tratado De laude novae militiae. En 1147 Uxío III concedeulles a cruz vermella sobre capa branca. A orde converteuse no exército regular do Reino de Xerusalén. Na súa expansión por Occidente, estendeuse por Provenza e por toda Francia, onde pasou a residir o seu gran mestre tras a perda de Palestina. Nos reinos hispánicos atopou un lugar axeitado para despregar a súa tarefa contra o Islam, mentres que en Francia e Italia se especializou na defensa dos pequenos señores e actuou de financeiro de diversos príncipes, especialmente do rei de Francia. Esta importancia económica foi causa da desfeita da orde, acusada polo rei francés de idolatría, sodomía e doutros abusos imaxinarios. O Rei Filipe IV de Francia esixiu ao Papa Clemente V, exiliado en terras francesas, que procedese contra a orde. O pontífice ordenou abrir un proceso, a instancias do gran mestre, Jacques de Molay, que tentaba demostrar a inocencia dos seus. Na Coroa de Castela encomendouse a investigación aos arcebispos de Santiago de Compostela e Toledo, e aos bispos de Palencia e Lisboa. O arcebispo compostelán Rodrigo de Padrón, despois de citar o mestre Rodrigo Yánez e os seus cabaleiros, convocou en Salamanca un concilio provincial compostelán que, o 21 de outubro de 1310, os declarou inocentes. Malia non demostrarse a culpabilidade dos templarios, o Concilio de Vienne de 1311 decretou, pola presión do rei francés, a supresión da orde. A bula Vox in excelso aboliuna o 3 abril de 1312, e unha nova bula, Ad providam, do 2 de maio do mesmo ano, concedeu os seus bens á orde dos hospitalarios de San Xoán de Xerusalén.
Os templarios en Galicia
A chegada dos templarios a Galicia produciuse a mediados do s XII, pois documentouse o seu establecemento na vila de Celanova en 1142. Posteriormente, establecéronse no Burgo do Faro (Culleredo), un importante núcleo portuario e termo dunha ruta comercial, grazas ás doazóns que o conde de Traba, Fernando Pérez de Traba, realizou á orde a mediados do s XII. Estendéronse por Galicia e crearon diversas encomendas e bailías en Sanfiz do Hermo (Guntín) antes de 1166, Canabal--Neiras (Sober) e Amoeiro-Coia (Ourense), situadas a carón dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela. Ademais, estendéronse polas comarcas de Bergantiños, Ferrol e Betanzos, e contaron con importantes centros nos portos de Pontevedra e Vigo. Ocupábanse da protección de peregrinos e viaxeiros ao longo do Camiño de Santiago. Despois do proceso contra os templarios, as súas propiedades pasaron ao Rei Fernando IV, que repartiu algunhas delas, o que provocou un conflito coa orde de San Xoán de Xerusalén. Posteriormente, Afonso IX nomeou ao Adiantado Maior de Galicia Pedro Fernández de Castro depositario dos bens da orde en Galicia e León, malia que en realidade se produciu un constante fluxo de doazóns a terceiros. No último terzo do s XIV, a familia dos Andrade fíxose coa posesión da maior parte dos bens dos templarios.