Tène, La

Tène, La

Xacemento situado na parte oriental do lago de Neuchâtel, en Suíza. Deu nome á Segunda Idade do Ferro -continuación da época de Hallstatt-, que se iniciou ao L de Francia e ao S de Alemaña. Orixinalmente ocupou os actuais territorios de Francia, Alemaña, Austria, República Checa, Hungría e Inglaterra, e posteriormente estendeuse polo N da Península Ibérica, Italia, Grecia e Asia Menor. Divídese en tres fases: a primeira vai de 500 a 300 a C, a segunda de 300 ao 100 a C e a terceira de 100 a 50 a C, o que corresponde máis ou menos ao final da conquista romana das Galias. Caracterizouse pola aparición das cidades -que se situaban nos puntos altos- polos enterramentos de inhumación e de incineración, pola avanzada técnica metalúrxica, pola adopción do torno e por unha importante ourivaría. As escavacións efectuadas na segunda metade do s XIX deixaron ao descuberto diversas vivendas e unha gran cantidade de obxectos de madeira e metal.