Tenreiro Brochón, Antonio
Pintor e arquitecto, fillo de Antonio Tenreiro Rodríguez. Recibiu clases de debuxo de Jesús Fernández Jesito, completou a súa formación pictórica na Escola de Artes e Oficios da Coruña e realizou os estudos de arquitectura en Madrid (1945-1951). Cultivou o óleo (Peirao do carbón, 1941; Carrusel, 1947), a acuarela (Madrid antigo, 1944) e a augada (Costureira, 1946; Paisaxe da Alcarria, 1951) e recibiu influencias de Lago Rivera, X. M. Labra e B. Palencia. Despois das obras pitóricas dos primeiros anos, viaxou a Francia, onde desenvolveu traballos ao natural como París (1951). A mediados da década de 1950 regresou a Galicia e simultaneou a pintura con diversos traballos de arquitectura como o local Boite Marux, na Coruña, de aspecto vangardista. Viaxou a Suíza e a Escandinavia, e interesouse pola obra de Alvar Aalto e ao seu regreso á Coruña, na década de 1960, sumiuse nunha depresión que se reflectiu na súa pintura na “época negra” (Barco, 1963; Peirao de sal, 1968), que manifestou unha perda case total do colorido; ademais, os fondos tornáronse xeométricos, definidos por pinceladas grosas e pouco coidadas. Superada esta etapa, volveu empregar as cores exultantes e rompedoras (serie Terra. Branco e vermello, 1970; Terraza florida, 1973) e volveu traballar a acuarela e a augada. Paralelamente, foi abandonando a súa actividade como arquitecto. Destacan desta época algunhas obras como O santo azul (1973); A Coruña gris (1989); Botellas (1999) ou Merenda (1996). Foi académico numerario da Real Academia de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario (1989).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña