termorregulación
(
Capacidade dun ser vivo de manter a temperatura interna dentro duns límites de máxima e de mínima entre os que teñen lugar os procesos vitais. Non todos os animais se comportan igualmente ante variacións de temperatura. Mentres que os paxaros e os mamíferos manteñen constante a temperatura interna (son homeotermos), os outros animais teñen a temperatura interna igual á ambiental (son poiquilotermos). Os animais homeotermos teñen desenvolvidos unha serie de mecanismos para manter constante a temperatura, así, ao diminuír a temperatura, aumenta a vasoconstrición da pel, co que se reduce o arrefriamento corporal, diminúe a cantidade de auga no sangue cunha diminución da transpiración, acumulan graxa e aumentan o metabolismo. Ao aumentar a temperatura, hai vasodilatación cutánea, dilución do sangue e sudación activa ou incremento da actividade respiratoria se os animais non teñen glándulas sudoríparas. Os mecanismos de termorregulación sométense a un dobre control, nervioso e hormonal. O centro nervioso é o hipotálamo e a regulación hormonal obtense mediante as hormonas da tiroides e as cápsulas suprarrenais. Os animais poiquilotermos e as plantas non teñen termorregulación, pero si uns mecanismos defensivos ante os cambios de temperatura ambiental.