Ternera Gallega
Indicación Xeográfica Protexida segundo a Orde de 4 de abril de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria que reciben todos os tenreiros nados en practicamente todo o territorio galego, fillos de vacas de raza Rubia Galega, Morenas do Noroeste ou dos seus cruzamentos, e que son criados, alimentados e sacrificados en Galicia, seguindo un estrito control integral de calidade e hixiene. O control abrangue desde o nacemento dos tenreiros, a súa crianza, alimentación e cuidados sanitarios, ata o seu sacrificio e presentación da carne nos puntos de venda, todo isto conforme ao establecido na lexislación vixente. A alimentación dos tenreiros baséase no leite materno, forraxes e concentrados procedentes de vexetais e exentos de calquera subproduto animal ou substancia prohibida, e sacrifícanse, por regra xeral, con menos de 10 meses de idade. Foi o resultado da fusión da Denominación Produto Galego de Calidade Ternera Gallega, creada en 1989 e a Denominación Específica Carne de Rubia Gallega, creada en 1991.