Terra Chá, comarca da
Comarca situada a N da provincia de Lugo e N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas da Mariña Occidental (concello de Ourol) e A Mariña Central (concellos do Valadouro, Alfoz e Mondoñedo), ao S coa comarca de Lugo (concellos de Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo e Castroverde), polo L coa comarca de Meira (concellos de Riotorto, Meira e Pol), e polo L coas comarcas de Eume (concellos de Monfero e As Pontes de García Rodríguez) e Betanzos (concellos de Aranga e Curtis). Abrangue unha extensión de 1.822,7 km2en que acolle unha poboación de 47.761 h (2001), distribuída entre os concellos de Abadín (196 km2; 3.399 h [2001]), Begonte (126,8 km2; 3.674 h [2001]), Castro de Rei (177 km2; 5.850 h [2001]), Cospeito (144,8 km2; 5.658 h [2001]), Guitiriz (293,7 km2; 6.259 h [2001]), Muras (163,8 km2; 1.044 h [2001]), A Pastoriza (175 km2; 3.959 h [2001]), Vilalba (379 km2; 15.365 h [2001]) e Xermade (166,6 km2; 2.553 h [2001]). Como cabeceira comarcal actúa a vila de Vilalba.
Xeografía física
A comarca da Terra Chá caracterízase fundamentalmente pola súa planitude, pois está situada nas amplas superficies de erosión existentes no interior de Galicia ao abeiro das serras orientais, setentrionais e a Dorsal Meridiana. Desde o punto de vista xeolóxico, está labrada sobre materiais moi antigos e variados, sobre todo lousas, gneises e xistos, que alternan na Serra do Xistral con bandas de granito e cuarcita. Na parte máis baixa predominan os materiais aluviais (arxilas, gravas, cantos rodados). Xeomorfoloxicamente, divídese en dúas unidades que, á súa vez, engloban a outras subunidades menores. A primeira delas sitúase no norte, e correspóndese coa Serra do Xistral, mentres que a segunda ocupa o resto do territorio comarcal, as penechairas e superficies de erosión. A Serra do Xistral é unha aliñación montañosa que, con dirección ONO-LSL separa a comarca dos vales da Mariña e da área costeira. A súa complexa composición litolóxica (lousas, xistos, bandas de cuarcita, bloques graníticos) e a forte incisión fluvial convértena nun espazo singular, con altitudes moi moderadas e cumios erosionados, pero pendentes considerables a causa dos principais cursos fluviais que, aproveitando a fracturación e a debilidade dos materiais máis brandos, fan posible o seu encaixamento e o aspecto actual da serra. A acción periglacial é moi intensa, con frecuentes formacións de pedregais, neveiros ou coadas. Tamén se manifestan algunhas formas glaciarias como circos e morenas, pero de moi escasa entidade. A Serra do Xistral pódese desagregar en dúas subunidades litoloxicamente diferenciadas: no L, a Serra da Toxiza, no concello de Abadín, presenta as formacións graníticas típicas (tor, bolos, alvéolos, castelos), mentres que na parte oriental (Serra da Carba), as lousas e as cuarcitas orixinan formas máis suaves. A altitude máxima acádase no Pico de Xistral (1.036 m, no concello de Muras). No centro e S da comarca aparece a Terra Chá propiamente dita, unha superficie de erosión entre os 400 e os 600 m, cunha planitude case perfecta, só interrompida por pequenas ondulacións motivadas, tanto polos cursos fluviais como por relevos residuais de escasa entidade. A pesar da planitude do conxunto, pódense individualizar dúas áreas: a primeira delas correspóndese coa área máis baixa da comarca, unha depresión tectónica situada ao redor dos 400-450 m, nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, o S de Abadín, o O de Pastoriza e o L de Begonte e Vilalba, e regada polo río Miño e os seus inmediatos afluentes, colmada de sedimentos cuaternarios (arxilas e gravas), e con algunhas áreas endorreicas con pequenas lagoas (Cospeito, Caque). O segundo espazo bordea a anterior subunidade amodo de orla situándose entre esta e as serras setentrionais. É unha área de maior ondulación, con numerosas e pequenas fosas (Guitiriz, Cabreiros, Abadín), a causa da tectónica e a posterior incisión fluvial. A Dorsal Meridiana, situada na parte occidental dos concellos de Guitiriz e Xermade non acada altitudes excesivamente elevadas. Desde o punto de vista climático, A Terra Chá, tanto pola súa latitude como pola súa elevada altitude media, e polo relativo illamento respecto á costa, presenta matices de continentalidade tanto nos valores térmicos como nas precipitacións. Existen, non obstante, diferenzas claras entre a chaira e a montaña. A escasa entidade das elevacións da Dorsal Meridiana non supón un claro freo á entrada das masas húmidas do oeste. Na chaira, as temperaturas medias sitúanse ao redor dos 11,5°C, con invernos fríos (5°C) e veráns frescos (18°C), aínda que as temperaturas poden acadar valores xa máis extremos (existe un longo período de xeadas de novembro a marzo e uns meses estivais onde se poden superar os 30°C). Na montaña estas temperaturas son sensiblemente máis baixas, con invernos fríos (10°C) e veráns frescos (16-17°C), estando presentes as xeadas nos meses do inverno.As precipitacións non son moi elevadas na chaira, situándose entre os 900 e os 1.000 mm como consecuencia do relativo illamento. Na montaña estes valores ascenden rapidamente ata chegar aos 2.000 mm nos cumios máis elevados. En moitas ocasións, no inverno, estas precipitacións son en forma de neve, en especial por riba dos 900 m. O sistema fluvial da comarca organízase ao redor do curso do río Miño, que nace na Serra de Meira, penetra pola parte oriental do concello da Pastoriza, para, posteriormente, introducirse en Castro de Rei, Cospeito e facer fronteira entre Lugo e Begonte. Presenta un trazado sinuoso, pero discorre de forma moi lenta, xa que se sitúa nunha área de chaira. Os principais tributarios tamén posúen un percorrido semellante e moi lento, e destacan, pola dereita o Azúmara, e pola esquerda o Narla, o Ladra (cos seus tributarios, Parga e Labrada), o Támoga e o Anllo. Na Serra do Xistral nacen importantes ríos como o Eume ou o Landro, ou algúns pequenos tributarios do Masma. Cabe destacar que a comarca da Terra Chá presenta unha ampla variedade de especies vexetais, desde bosques autóctonos ata pequenas áreas de vexetación de ribeira como tamén especies propias das áreas encharcadas. Así, na chaira, alternando cos prados e os cultivos, encóntranse pequenas illas de carballos, castiñeiros, ameneiros ou bidueiros. No Xistral a variedade é máis ampla, xa que estas especies se ven acompañadas de matogueiras, uces e especies de repoboación que, perigosamente, invaden os bosques da comarca. Nas áreas endorreicas, abunda unha vexetación composta por hidrófitos (espigas, lentellas de auga) e higrófitos (espadanas, xuncos, buños), así como por unha gran variedade de aves acuáticas migratorias, anfibios e réptiles. Nas terras altas dos concellos de Muras e Abadín preséntanse carácteres bioxeográficos moi singulares, que continúan na veciña comarca da Mariña Central. Trátase das turbeiras do Xistral, as situadas máis ao S de Europa, compostas por restos de vexetación mal descomposta nun ambiente frío e encharcado. Estes procesos higroturbosos teñen lugar en distintos espazos, tanto sobre depósitos periglaciais (áreas máis elevadas) como nas ladeiras (cabeceira do río Eume en Muras), de alvéolo sobre materiais graníticos ou mesmo nas depresións sedimentarias. A estes procesos asóciase unha vexetación de mofos do tipo Sphagnum e algunhas gramíneas, que dan lugar a áreas turbosas con materiais moi escuros sobre os que se asentan as queirugas.
Xeografía humana
A Terra Chá tivo unha evolución demográfica regresiva ao longo dos últimos cincuenta anos, en especial nas áreas rurais máis illadas da montaña, en contraposición coas principais vilas, que medraron e se consolidaron como centros terciarios. A comarca máis grande de Galicia contaba, en 1900, con 64.021 h. Todos os concellos, agás Vilalba, tiñan maior número de efectivos que na actualidade. O crecemento demográfico, motivado polo notable movemento vexetativo de signo positivo, foi importante ata a década de 1950, tal e como o demostran as cifras censuais: 64.412 h en 1900; 65.899 h en 1920; 68.156 h en 1930; 1940, 73.861 h en 1940; e 75.673 h en 1950. Nesta última data acadouse o máximo histórico. Desde 1950, o éxodo rural deixou unha fonda pegada na poboación comarcal, cun descenso xeneralizado en todos os concellos. Os máis desfavorecidos, non obstante, foron aqueles onde as dificultades topográficas e edafolóxicas impedían un desenvolvemento agropecuario maior. Pola contra, os espazos urbanos medraron, aínda que non foron quen de absorber o exceso de poboación rural. Contabilizáronse 73.392 h en 1960; 63.012 h en 1970; 57.139 h en 1981; 50.425 h en 1996 e 2001, 47.761 h en 2001. A distribución da poboación, lonxe de ser homoxénea, responde a características de índole física, xa que nas áreas de maior altitude, onde os solos son máis pobres e non existe un desenvolvemento agropecuario e industrial destacado, as densidades son moi baixas, tal e como sucede en toda a orla setentrional e occidental. Pola contra, onde a gandaría se desenvolveu e existe unha maior fertilidade edáfica, xunto cunhas comunicacións mellores, as densidades son xa máis elevadas (20-50 h/km2), como sucede no centro e S da comarca. Existen algúns puntos de concentración demográfica, sendo a vila de Vilalba o principal centro urbano con 5.226 h, xa de lonxe ségueno Guitiriz (1.589 h), Castro Ribeiras de Lea (1.091 h), e outras pequenas cabeceiras: Abadín, Begonte e Baamonde (Begonte), Feira do Monte e Muimenta (Cospeito), Castro de Rei, Xermade e Roupar (Xermade), Muras, A Pastoriza e Bretoña (A Pastoriza) e Parga (Guitiriz). Como singularidade pódese comentar que nos concellos de Castro de Rei e Cospeito existen poboados de colonización da década de 1960, como os de Arneiro (Cospeito) ou Matodoso (Castro de Rei), en que se levou a cabo a repoboación e posta en cultivo de certas áreas encharcadas e baleiras, moi aptas para a agricultura e a gandaría. A estrutura da poboación está moi avellentada, como consecuencia da emigración e da actual redución da natalidade. Así, a porcentaxe de maiores de 65 anos é do 30,9%, fronte ao 10,8% de menores de 15 anos (2004), con sensibles diferenzas entre os concellos máis avellentados (Muras, Xermade, Abadín) e outros onde a estrutura presenta maior xuventude (Vilalba, Castro de Rei). A taxa de natalidade é moi baixa (4,8 ‰) e a de mortalidade crecente (14,3 ‰), co que resulta un crecemento vexetativo de signo moi negativo (-9,5 ‰).
Xeografía económica
A Terra Chá é unha das comarcas gandeiras máis puxantes de Galicia, cunha clara modernización do sector, que xera grande competitividade nos mercados nacionais e europeos. O sector primario, en conxunto, dá emprego ao 25,7% da poboación activa, con tres vertentes claramente diferenciadas, pero relacionadas entre si: a agricultura, a gandaría e a silvicultura. Conta a entidade comarcal con 10.327 explotacións agrarias, e máis de 185.000 parcelas, un número elevado, pero adecuado se se considera a gran superficie comarcal e os traballos de concentración parcelaria que se teñen levado a cabo en varios concellos. As superficies dedicadas a pastos, prados e terras de cultivo ocupan máis da metade do territorio (53%), fronte ao 47% de áreas forestais, matogueiras e espazos improdutivos. Os cultivos oriéntanse claramente cara á gandaría, polo que tamén teñen unha grande importancia os prados e as especies forraxeiras. Tamén ocupa porcentaxes importantes o cultivo da pataca, non só para o consumo familiar, senón tamén destinada á venda. A gandaría bovina (97.428 cabezas en 1999) supón máis da cuarta parte do armentío provincial, con concellos onde se acada unha clara especialización (A Pastoriza, Castro de Rei). A modernización gandeira móstrase tanto no alto grao de mecanización, como no elevado número de reses por explotación. A tendencia é ao incremento do número de cabezas de gando e á redución do número de explotacións para lograr unha maior competitividade. No N da comarca, na periferia montañosa, cabe falar dunha especialización no vacún de aptitude cárnica, xa que non existe unha estabulación tan clara, e as reses pastan ao aire libre nos montes dos concellos de Muras, Abadín e Xermade. De forma secundaria, a gandaría porcina (11.532 cabezas) acada postos destacados en Guitiriz, Vilalba, Muras, Cospeito e A Pastoriza, así como a equina (4.018 cabezas) nas áreas máis montañosas (Abadín, Muras) onde tamén pasta ao aire libre. As actividades silvícolas aproveitan os bosques existentes na área montañosa e nos espazos onde non existen cultivos para a explotación madeireira, con especies de rápido crecemento, esencialmente piñeiros. O sector secundario dá emprego a un 25,3% dos activos, que se divide entre a industria, o 12,9% e a construción co 12,4%. Concéntrase fundamentalmente nos núcleos urbanos e nas principais vías de comunicación. A industria ten no sector agroalimentario o principal ramo. Hai empresas de transformación láctea e cooperativas e fábricas de pensos, xunto con industrias de transformados metálicos, produción de plásticos ou de transformación de pedra. A comarca conta con catro polígonos industriais: Begonte, Vilalba, Xermade e A Pastoriza; o segundo deles ten unha maior ocupación, grazas ás súas boas comunicacións e á óptima localización na capital comarcal. No eido da construción existen numerosas empresas, a maior parte delas situadas en Vilalba. Dentro do sector terciario (39% dos empregos), Vilalba é o principal centro aglutinador, que conta con numerosos equipamentos, empresas comerciais, hostaleiras e de transportes. O comercio, con case o 8% dos activos totais, é unha considerable fonte de riqueza na capital chairega, dado o seu carácter de centro de intercambios agrarios. Algunhas empresas almacenistas radican no polígono industrial da vila, pero o que máis peso ten é o comercio polo miúdo, con numerosas empresas, algunhas delas de carácter familiar, e outras correspondentes a cadeas (supermercados, electrodomésticos, tendas de roupa) ou franquías. Neste sector tamén teñen peso as vilas de Guitiriz, Muimenta e Castro Ribeiras de Lea. Nesta última localízase un importante centro de mercado gandeiro, que establece os prezos orientativos de boa parte do armentío gandeiro galega. En canto aos servizos públicos, A Terra Chá estase dotando de numerosos equipamentos, especialmente no eido social e cultural. En Vilalba, como capital comarcal e centro terciario, existen numerosos servizos públicos: instituto de bacharelato, centro de saúde especializado, oficina do INEM, Axencia de Extensión Agraria e Cabeza de Partido Xudicial. Os transportes e as comunicacións están relativamente desenvolvidos nunha comarca que é vía de paso entre o occidente galego e a cornixa cantábrica, entre a capital provincial e A Mariña, e entre Lugo e A Coruña e Ferrol. Vilalba convértese nun importante nó de comunicacións, cara a Lugo, Asturias, A Coruña, Ferrol e Meira. As principais vías da comarca son a N-634 que a atravesa de SO a NL, a N-VI e a A-6, que a atravesa polo S e a N-640, entre Lugo e Ribadeo. A rede secundaria está composta polas estradas comarcais e autonómicas. O ferrocarril A Coruña-Monforte atravesa a comarca polo SO.
Historia
A antigüidade do poboamento da comarca amósase nos restos arqueolóxicos conservados como os paleolíticos de Xestido-O Catadoiro en Abadín, os restos megalíticos de Labrada e Romariz (Abadín), As Medurras de Millarada (Cospeito), as mámoas dos montes da Valiña, Lagostelle e dos Vilares e os gravados rupestres do Buriz (Guitiriz). De época castrexa consérvanse os castros de Viladonga (Castro de Rei), do Forno (Guitiriz) e Codesido, Goiriz, Lanzós e Vilamaior (Vilalba). Durante a época romana, dada a súa proximidade a Lucus Augusti, houbo pequenas mansións, das que quedan os restos dun altar dedicado a Mercurio e de establecementos rurais en Rioaveso (Vilalba), así como relatos sobra a existencia dunha mansión romana situada en Muimenta (Cospeito). A aparición dunha lápida ofrendada de época romana coa inscrición Laribus vialibus Placinida ex voto posuit, fai referencia a unha posible vía que pasaba por Xermade. En época posterior estas terras foron lugar de paso da vía romana que unía Lucus Augusti e Brigantia, polo que algúns autores sitúan aquí o antigo Caranicum dos romanos. Nos ss V e VI algúns habitantes das Illas Británicas chegaron a estas terras, que desde entón se coñecen como Bretoña e construíron o Monasterium Maxime, que se destruíu coa invasión musulmá. Durante a Idade Media exerceron a súa influencia tanto membros da nobreza, cos condes de Andrade ou Lemos, como a igrexa, cos bispados de Mondoñedo ou Meira. O señorío de Vilalba pertenceu, desde os ss XIII e XIV a Fernando Ruíz de Castro, pero no XIV a vila pasou a Fernán Pérez de Andrade o Bo. No s XV producíronse varias revoltas sociais, orixinadas polo descontento cos Andrade que remataron co derrubamento do castelo de Vilalba. O mesmo sucedeu en Cospeito, onde se destruíron as torres de Támoga e Caldaloba. Diego de Andrade casou o seu sucesor coa filla do marqués de Sarria e as posesións dos Andrade pasaron á casa de Lemos e logo á de Alba. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran a comarca pertenceron a diversas xurisdicións e coutos redondos en que exercían o señorío tanto señores laicos como eclesiásticos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a organización municipal do territorio ata que Fernando VII a derrogou en 1823 e volveu ao Antigo Réxime. En 1835 volveuse á organización municipal. O concello de Abadín xurdiu da primeira organización municipal do territorio. No primeiro período constitucional creáronse os concellos de Baamonde, Saavedra e Outeiro de Rei, reducidos en 1835 aos dous últimos, que crearon en 1840 o de Begonte. O concello de Castro de Rei xurdiu en 1835, pois na anterior división municipal as súas parroquias repartíronse entre os concellos de Lugo e Vilalba. As parroquias do concello de Cospeito pertenceron, no primeiro período constitucional, aos concellos de Arcillá e Santa Cristina, e na división de 1835 quedaron adscritas aos de Vilalba, Castro de Rei e Outeiro de Rei. O concello de Cospeito xurdiu en 1845. Nas parroquias de Guitiriz formáronse os concellos de Parga e Lagostelle no primeiro período constitucional que deron paso, en 1835, ao concello de Trasparga, en 1945 a capital trasladouse á vila de Guitiriz. O concello de Muras xurdiu en 1835. As parroquias que do concello da Pastoriza pertenceron, no primeiro período constitucional, ao de Vián, repartíronse, en 1835, entre os concellos de Vilanova de Lourenzá, Castro Maior, Vilarente, Bretoña, Castro de Rei e Meira. En 1840 xurdiu o concello da Pastoriza, que absorbeu o de Bretoña. O concello de Vilalba xurdiu na primeira división municipal e mantívose desde 1835. No primeiro período constitucional formouse o concello de Lousada que deu lugar en 1835 ao de Xermade.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados e das igrexas parroquiais, cómpre destacar o conxunto de Santa Baia de Bóveda en Begonte (BIC, 1931), o castelo de Castromaior en Abadín (BIC, 1994), a torre de Camarasa en Begonte (BIC, 1994), a torre de Leivane (BIC, 1994) e a vila de Castro de Rei (BIC, 1991), a torre de Momán en Cospeito (BIC, 1994), o castelo de Pobra de Parga en Guitiriz (BIC, 1994); a torre de Muras (BIC, 1994) e a torre de San Xoán BIC, 1994) ambas as dúas en Muras; a torre de Codesimo (BIC, 1994) e o castelo dos Andrade (BIC, 1994) en Vilalba; e a torre de Roupar en Xermade (BIC, 1994). Celébranse as romarías do Rosario, dos Milagres e de San Cosme da Montaña en Abadín; a romaría dos Milagres de Saavedra en Begonte, a romaría de Santo Urbano e a de San Paio en Cospeito, onde tamén se celebra a festa do Cocho da Ceba; as romarías da Virxe dos Desamparados e a de San Alberte en Guitiriz; a festa de Santo Antón e a do Agarimo en Muras; as festas de Santiago na Pastoriza; a festa de San Román e a dos Pepes en Vilalba; a de Nosa Señora do Rosario e a de Pascua en Xermade, e outras festas parroquiais.