Terra de Celanova, comarca da
Comarca situada no O da provincia de Ourense e no S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas do Ribeiro (concellos de Cortegada, A Arnoia e Castrelo de Miño) e Ourense (concellos de Toén, Barbadás e San Cibrao das Viñas), ao S coa comarca da Baixa Limia (concellos de Lobeira e Bande), ao L coas comarcas de Ourense (concello de Taboadela), Allariz-Maceda (concello de Allariz) e A Limia (concello de Rairiz de Veiga), e ao O coa comarca da Paradanta (concello de Crecente) e Portugal. Abrangue unha superficie de 508,9 km2en que acolle unha poboación de 22.394 h (2001), distribuída entre os concellos da Bola (34,9 km2; 1.527 h [2001]), Cartelle (94,3 km2; 3.732 h [2001]), Celanova (67,3 km2; 5.993 h [2001]), Gomesende 28,3 km2; 1.115 h [2001]), A Merca (51 km2; 2.419 h [2001]), Padrenda (57 km2; 2.588 h [2001]), Pontedeva (9,9 km2; 679 h [2001]), Quintela de Leirado (31,3 km2; 881 h [2001]), Ramirás (40,7 km2; 2.065 h [2001]) e Verea (94,2 km2; 1.395 h [2001]). Celanova, cabeceira comarcal, é o centro que conta coa maior parte do equipamento e dos servizos administrativos para a comarca, de aí que sexa o núcleo aglutinador dos fluxos socioeconómicos do resto dos concellos.
Xeografía física
Terra de Celanova é un espazo de gran diversidade topográfica e dunha ampla variedade litolóxica. Na parte setentrional dominan os xistos, lousas e outros materiais metamórficos, con algúns enclaves graníticos puntuais, mentres que no S predominan as granodioritas, granitos e granitoides, moito máis resistentes. Xeomorfoloxicamente, a comarca é unha sucesión de superficies aplanadas a distintos niveis, onde se distinguen tres deles, conservados en maior ou menor medida a causa da degradación imposta pola rede fluvial. No N existe unha penechaira situada entre os 400 e os 500 m, pouco incidida pola rede fluvial, a excepción da parte occidental, onde o Arnoia, en contacto co Miño, e como consecuencia dos procesos de antecedencia e cambio de nivel de base, se encaixa de forma bastante pronunciada. A pesar de que este espazo é unha área plana, a sensación de mobilidade topográfica fai pensar no contrario debido á alternancia de rochas metamórficas e graníticas e á acción da tectónica, que elevou determinadas áreas e afundiu outras. O río Miño, ao seu paso pola comarca, tamén impón un encaixamento considerable. Na metade meridional, nos concellos de Verea, S de Quintela de Leirado e Padrenda atópanse tamén estas superficies de erosión elevadas a dous niveis de 800 e 1.000 m. A tectónica foi a responsable desta elevación, amodo de horst, e deu lugar aos montes do Laboreiro, pertencentes á serra da Peneda, que comparte con Portugal e que culmina a 1.277 m na Pena Rubia. A actividade tectónica fixo posible que existan estas dúas superficies elevadas a diferentes alturas, xa que as numerosas fracturas do conxunto evidencian unha gran mobilidade do substrato rochoso. O clima caracterízase pola rigorosidade térmica, polas amplas diferenzas entre inverno e verán e pola escaseza das precipitacións; o N ten un clima oceánico continental e o S oceánico de montaña no S. A presenza da Dorsal Occidental Galega e os elevados cumios das serras de Laboreiro e da Peneda impiden a chegada das masas húmidas; soamente no extremo SO e no val do Miño permite a penetración de parte destas masas. As temperaturas medias na parte setentrional da comarca sitúanse arredor dos 11°C, con invernos fríos (5°C) e veráns máis calorosos (20°C), polo que a oscilación térmica é considerable (15°C). As precipitacións son bastante escasas, situándose por debaixo dos 1.000 mm, unha cantidade baixa dada a elevada altura das superficies de erosión do N, pero explicable polo feito do illamento que impoñen as serras portuguesas e a Dorsal Occidental Galega. No S, a elevada altitude implica un descenso xeneralizado das temperaturas medias anuais, aínda que os valores non son demasiado apreciables, con invernos algo máis fríos (4°C) e veráns máis frescos (18-19°C). As precipitacións elévanse como consecuencia da altitude (1.300 mm), pero non son tan altas como na vertente occidental da serra do Laboreiro, na marxe portuguesa, dado o efecto de sombra pluviométrica. A neve é frecuente nos meses de inverno. As formacións forestais da Terra de Celanova están dominadas polo piñeiro galego (Pinus pinaster) en masas de repoboación ou mesturado con frondosas, sobre todo na parte N e O do conxunto. Cara ao S e L e onde os bosques de repoboación son menos frecuentes atópase a verdadeira vexetación climática, e destacan os bosques de carballo e cerquiño dos cursos altos dos ríos Crespos e Esmoriz (concello de Padrenda), Grande (Quintela de Leirado e Verea), Cexo e Ourille (Verea) en masas mixtas, aínda que existen algúns bosques puros de cerquiño no SL do concello de Verea. Nos puntos máis elevados da comarca (serra do Laboreiro) medra a matogueira, composta por uces e xestas, así como espazos onde predomina a turbeira (Alto do Vieiro).
Xeografía humana
A evolución da poboación comarcal ao longo do s XX mostra dous períodos totalmente contrapostos, un de crecemento xeneralizado e outro de descenso. En 1900, Terra de Celanova contaba cun total de 45.035 h, practicamente o dobre da poboación de comezos do s XXI, cunha época de estancamento durante as décadas de 1910 e 1920 motivado pola intensa emigración a América, que o elevado crecemento natural non era quen de contrarrestar: 44.883 h (1910) e 44.683 h (1920). A crise de 1929 e a Guerra Civil en 1936 frearon este movemento emigratorio e obrigaron á poboación a ficar neste espazo, que se recuperou e medrou paulatinamente ata o máximo de 1940: 45.782 h (1930) e 51.549 h (1940). A partir da década de 1940, a poboación comezou a emigrar cara á capital provincial, as Rías Baixas (Vigo e Pontevedra), as principais áreas urbano-industriais españolas e aos países máis desenvolvidos de Europa. O éxodo rural foi pouco marcado nun primeiro momento (48.348 h, 1950), e moito máis forte nos anos censuais sucesivos: 42.614 h (1960); 39.616 h (1970) e 36.071 h (1981). O espectacular salto produciuse en 1996, cando, unido á continua perda migratoria que continuou durante a década de 1980, o elevado crecemento vexetativo de signo negativo fixo descender a poboación da comarca de maneira importante: 23.800 h (1996) e 22.394 h (2001). Todos os concellos participaron deste declive demográfico, incluído o de Celanova, onde a vila capital non foi quen de reter o exceso de poboación rural. A relativa proximidade á cidade de Ourense impediu que a comarca seguira perdendo poboación por emigración, xa que moitos dos habitantes deste espazo se desprazan diariamente á cidade das Burgas para traballar. Como consecuencia do éxodo rural, a comarca presenta un elevado grao de avellentamento en todos os concellos. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos (35,7% en 2004) supón máis do triplo dos menores de 15 anos (7,7%). As taxas de natalidade (4,06 ‰) son moi inferiores ás de mortalidade (16,29 ‰), resultado dun crecemento vexetativo de signo moi negativo (-12,24 ‰) que impide que medre a poboación a pesar do retorno dos emigrantes. Polo que respecta á distribución dos efectivos polo territorio, a gran maioría das entidades son de tipoloxía rural, pequenas, con poucas casas, poucas entidades e poucos habitantes (a maior parte delas non superan os 100 h). As densidades demográficas son máis elevadas no val do Arnoia ca nos espazos montañosos. A vila de Celanova (3.171 h) é a maior das entidades, e a que máis medrou neste espazo, a pesar do receso das décadas de 1950 e 1960. Séguena, moi de lonxe, as pequenas cabeceiras municipais de Outomuro (Cartelle), con 299 h; Pontedeva, con 286 h; San Roque de Crespos (Padrenda), con 224 h; A Merca con 219 h, Quintela de Leirado con 200 h e os pequenos núcleos non capitais da Manchica (A Merca), con 293 h; e Cartelle, con 282 h.
Xeografía económica
A estrutura económica da comarca da Terra de Celanova descansa no forte peso do sector terciario, unha industria bastante feble e un sector primario en claro retroceso. A proximidade á cidade de Ourense motivou movementos pendulares da poboación local, que desempeña postos de traballo nos sectores non agrarios. O primario, co 12,7% dos activos, nunca tivo unha especialización clara, aínda que historicamente ocupaba a maior parte dos activos. O incremento das masas arborizadas (41,7%) alimenta unha importante actividade madeireira que abastece un considerable número de empresas, a maior parte ourensás, e algunhas delas da propia comarca. O cultivo da vide (417 ha) non está amparado por ningunha denominación de orixe, polo que o seu destino é practicamente familiar, e destaca nos concellos da ribeira do Arnoia e do Miño. No armentío gandeiro destaca, por orde de importancia, o porcino, con algunhas granxas nos concellos da Bola, Cartelle, Celanova, A Merca e Quintela de Leirado para a produción de carne fresca e embutidos; a avícola, asociada ás cooperativas COREN, especialmente en Cartelle, Celanova e A Merca; e a vacúa para a produción láctea e cárnica. O tecido industrial é moi feble na propia comarca, polo que moitos dos activos do sector (17,2 % dos empregados da comarca) deben desprazarse diariamente á cidade de Ourense e aos seus polígonos industriais para traballar. As principais empresas industriais da Terra de Celanova son as relacionadas co sector agrario (cárnicas e lácteas) e co silvícola (madeireiras), así como empresas de transformados metálicos e a produción hidroeléctrica do encoro de Frieira, no Miño. A construción acolle o 17,6% dos empregos no secundario, coa participación destes nas principais empresas da capital provincial. O terciario é o de maior desenvolvemento e o de máis emprego na comarca (52,5%), non só debido á propia terciarización da economía comarcal, senón polos desprazamentos pendulares á cidade de Ourense. As boas comunicacións con ela e as relacións de proximidade fan posible estes desprazamentos diarios. Destacan o sector comercial, os servizos públicos e a hostalaría. Celanova é unha vila cunha importante dotación terciaria, con instituto de secundaria, centro médico especializado, oficina da Seguridade Social, oficina do INEM e Axencia de Extensión Agraria.
Historia
A comarca estivo habitada desde época prehistórica como amosan os restos conservados. En Verea atopouse a mámoa megalítica de Mota Grande e á beira dos ríos asentáronse diversas poboacións castrexas. Destacan os castros de Furriolo e Castromao en Celanova, Peneda da Lebre e Olás na Merca, Valiño e A Senra en Pontedeva, Ourille en Vera e os diversos restos atopados á beira dos ríos Arnoia e Tuño en Ramirás e dos ríos Barxa e Miño en Padrenda. A comarca sufriu unha intensa romanización. Mostra diso son o paso das vías que unían Braga con Astorga e con Lugo e a propia romanización dos castros. Consérvanse a ponte Freixo entre Celanova e Cartelle, vestixios de campamentos romanos en Outeiro de Vimieiro (Cartelle) e A Cividá (Verea), e restos das explotacións mineiras das Arandeiras e Os Baños (Padrenda). Durante as invasións árabes estas terras abandonáronse durante un século ata que no s IX foron poboadas de novo con xentes das montañas do norte e mozárabes que se trasladaron desde o sur. No s X san Rosendo fundou o mosteiro de San Salvador, xerme do que sería a vila de Celanova. A situación xeográfica da comarca fixo que fose un lugar de paso entre as terras de Portugal e do val do Miño, cun claro centro de poder no mosteiro de Celanova. Ademais tivo lugar unha importante colonización monacal vinculada ao propio mosteiro beneditino, que sostivo importantes litixios cos señoríos que posuían coutos no municipio, como os duques de Bragança, en nome da monarquía portuguesa, ou os condes de Monterrei e Ribadavia. Outro mosteiro relevante foi o de San Pedro de Ramirás. Durante a Idade Moderna existiron numerosos enfrontamentos entre as coroas española e portuguesa, o que se demostra nalgúns aspectos da historia comarcal. O castelo de San Pedro da Torre, en Padrenda, foi construído no s XVII para evitar as incursións que se producían desde terras portuguesas. As terras da comarca foron tamén paso de numerosos peregrinos portugueses que facían o camiño cara a Santiago, o que se demostra na presenza dalgúns hospitais de peregrinos. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran os concellos da comarca pertenceron a diversas xurisdicións, señoríos tanto eclesiásticos como laicos. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e subtituíuse por unha administración municipal do territorio, aínda que en 1823 a derrogación da mesma por Fernando VII supuxo o regreso ao Antigo Réxime. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Neste período creáronse diversos concellos que deron lugar aos actuais. Os concellos de Berredo e Soutomel xurdiron no primeiro período constitucional e deron lugar en 1835 ao concello da Bola. Anfeoz, Cartelle, Espiñoso, Sabucedo e Sande formaron en 1835 o concello de Cartelle. Acevedo, Barxa, Celanova, Milmanda, A Veiga e Vilanova dos Infantes xurdiron no primeiro período constitucional e en 1835 deron paso aos de Acevedo do Río, Celanova e Vilanova dos Infantes, o primeiro deles integrouse no de Celanova en 1967 e o último en 1927. Os concellos de Pao e Poulo deron lugar en 1835 ao de Gomesende. Os da Merca e Vilariño formaron en 1835 o da Merca. En 1835 xurdiu o concello de Padrenda e no primeiro período constitucional naceu o de Pontedeva, recuperado en 1835. No primeiro período constitucional creouse o concello de Riomuíños, que deu lugar en 1835 ao de Quintela de Leirado. Os concellos de Ramirás, Penosiños e Paizás formaron en 1835 os concellos de Freás e Villameá que se fusionaron en 1926 no de Ramirás. Os concellos de Verea, Cexo e Ourille xurdiron na primeira división municipal e deron lugar en 1835 ao de Verea.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos conservados, destacan a igrexa do antigo mosteiro de San Munio de Veiga na Bola, o mosteiro de San Salvador de Celanova (BIC, 1931) que conserva no interior a capela mozárabe de San Miguel (BIC, 1923), os santuarios de Nosa Señora da Guía e Nosa Señora do Val de Poulo en Gomesende, a igrexa de San Pedro da Mezquita (BIC, 1931) na Merca, a igrexa do mosteiro de San Pedro de Ramirás, e a igrexa de Santiago de Verea. Sobresaen tamén a ponte Freixo, a fortaleza de Sande (BIC, 1994) en Cartelle, a torre da homenaxe de Vilanova dos Infantes (BIC, 1994), a casa de Curros (BIC, 1976) en Celanova e diversas construcións pacegas. No eido do patrimonio natural destaca a serra de Laboreiro en Quintela de Leirado, declarada Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) en 2001 dentro da proposta Rede Natura 2000, e que forma parte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Das festas que se celebran nos diversos concellos destacan a romaría de San Cibrao na Bola, as festas das Marabillas en Cartelle, a romaría da Virxe do Cristal en Celanova, a romaría de Nosa Señora da Guía en Gomesende, a festividade do Espírito Santo na Merca, a romaría de San Mauro en Padrenda, San Breixo en Pontedeva, a romaría dos Remedios en Quintela de Leirado, as romarías de Santo Antonio, San Xoán e San Paio dos Pitos en Ramirás e a romaría de Nosa Señora da Guía en Gontán.