Terra de Melide, comarca da

Terra de Melide, comarca da

Comarca situada no SL da provincia da Coruña e no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa comarca de Betanzos (concellos de Curtis e Vilasantar) e a Terra Chá (Guitiriz), ao S coa de Deza (concellos de Vila de Cruces e Agolada), ao L coas de Lugo (concello de Friol) e A Ulloa (concello de Palas de Rei), e ao O coa de Arzúa (concellos de Boimorto e Arzúa). Abrangue unha superficie de 367,2 km2en que acolle unha poboación de 14.066 h (2001), distribuída entre os concellos de Melide (101,3 km2; 7.818 h [2001]), Santiso (67,4 km2; 2.266 h [2001]), Sobrado (120,6 km2; 2.402 h [2001]) e Toques (77,9 km2; 1.580 h [2001]). Presenta unha clara capitalidade comarcal centrada na vila de Melide, vinculada ao Camiño Francés de peregrinación a Santiago.
Xeografía física
Dentro do relevo comarcal, composto por materiais duros (granitos, serpentinitas, anfibolitas e lousas), que alternan con depósitos cuaternarios nas zonas máis baixas, pódense distinguir, xeomorfoloxicamente, tres unidades: as superficies de erosión de Sobrado e Melide, a zona montañosa oriental e nororiental, e as superficies onduladas de Santiso, no val do Ulla. As superficies de Melide e Sobrado comprenden a parte central e setentrional da comarca, interrompida pola aliñación dos montes do Bocelo. Correspóndese cos restos dunha antiga superficie de erosión, degradada pola acción fluvial no S dos ríos Furelos, Pedrouzos e Seco, cunha altitude de 500 m. No N, no concello de Sobrado, esta superficie presenta maior heteroxeneidade, con alternancia de materiais e unha erosión diferencial. Na parte nororiental, amodo de divisoria de augas e elevados sobre uns 800 m, atópanse os montes do Bocelo, que culminan a 798 m no Bocelo. Na parte oriental do conxunto comarcal atópase a serra do Careón, na unidade da Dorsal Occidental Galega, que culmina no Careón (802 m) e en Pena Armada (760 m), nos límites coa provincia de Lugo. Trátase dunha serra de dirección N-S, formada sobre materiais básicos e ultrabásicos (serpentinitas e anfibolitas), interrompida, no S, polo val do Ulla. As superficies onduladas de Santiso xorden como consecuencia do lixeiro encaixamento do río Ulla e dalgúns dos seus afluentes nas superficies de erosión anteriormente citadas, o que dá lugar a unha paisaxe achairada, pero con pendentes considerables. Desde o punto de vista climático, sitúase nunha área de transición entre o clima oceánico costeiro e o continental, de maneira que participa das dúas variedades tanto nos valores térmicos coma nas precipitacións. A variedade de unidades do relevo tamén motiva a aparición de microclimas, de maneira que a parte máis occidental presenta maior suavidade térmica e a oriental unha maior rigorosidade, que a achega ás características da meseta lucense. Así, os valores térmicos medios para Portodemouros sitúanse en 13°C, fronte aos 11°C de Sobrado, con invernos suaves na primeira estación (7°C) e máis rigorosos na segunda (5,5°C), e veráns máis calorosos no occidente (18-19°C) ca no oriente (17°C) como consecuencia da menor altitude. As precipitacións son máis elevadas na parte O, onde acadan os 1.500 mm, ca no L, onde se acadan os 1.300 mm nas altas terras do Careón e o Bocelo. A escasa profundidade dos solos e a existencia de áreas de rocha núa fan imposible o desenvolvemento de vexetación arbórea nas partes máis altas das serras do Bocelo e do Careón. Só algúns bosques de piñeiros rachan coa monotonía da matogueira atlántica (uces, xestas e toxos). En Sobrado e Toques, xa non tanto nas partes elevadas coma nas baixas, aparecen asociacións mixtas de frondosas (carballos, castiñeiros, bidueiros e cerquiños), pero son os bosques de coníferas de repoboación (especialmente piñeiros) os que maior importancia cobran na comarca. Nas marxes dos ríos aparece a vexetación de ribeira como freixos, salgueiros e ameneiros.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca de Melide, igual ca noutras moitas do interior, amosa un período de crecemento, ata mediados do s XX, e un posterior decrecemento como consecuencia da emigración e da inversión do crecemento vexetativo. En 1900 contaba cun total de 18.524 h, cifra sensiblemente superior á de comezos do s XXI. A poboación foi crecendo de maneira constante ata 1950 segundo as pautas da poboación galega da época: elevado crecemento natural e intensa emigración cara a América, cun resultante crecemento real moderado: 19.574 h (1910); 20.134 h (1920); 22.151 h (1930); 24.246 h (1940) e 24.681 h (1950). Esta última cifra foi o máximo poboacional da comarca, a partir da cal comezou un descenso xeneralizado en todos os concellos. Só a vila de Melide foi quen de medrar, e fíxoo de forma considerable, aínda que non puido frear o éxodo rural de toda a comarca. A emigración cara ás veciñas cidades de Santiago de Compostela e Lugo, así como cara a outras áreas urbanas e industriais de Galicia, España e Europa, favoreceron este descenso de poboación: 21.548 h (1960); 17.836 h (1970); 16.272 h (1981); 15.390 h (1996) e 14.066 h (2001). Na derradeira década do s XX, a pesar do freo da emigración, tivo lugar un decrecemento como consecuencia da baixa taxa de natalidade e da alta mortalidade froito e consecuencia do avellentamento da poboación. Así, os menores de 15 anos só supoñen o 10,7% (2004), fronte aos maiores de 65 anos que representan o 28%. A taxa de natalidade é do 5,1‰, mentres que a mortalidade sitúase no 12,2‰, cun crecemento vexetativo negativo (-7,1‰). A distribución da poboación polo territorio está marcada tanto polo relevo como polo paso da rede viaria. Así, as altas terras do Careón e do Bocelo presentan moi baixas densidades demográficas, mentres que no centro da comarca, nos contornos de Melide e da N-547 sitúanse as maiores densidades demográficas. A maior entidade de poboación é a vila de Melide, con 4.790 h, unha cabeceira de comarca agraria ben situada entre as cidades de Santiago de Compostela e Lugo, que exerce unha área de influencia considerable, e non só se circunscribe á mesma comarca, senón que tamén o fai sobre outras áreas como Palas de Rei, Monterroso, Curtis, Arzúa, Agolada ou Boimorto. Do mesmo xeito, a influencia de Santiago de Compostela, Lugo e Arzúa fanse notar na comarca.
Xeografía económica
As actividades primarias destacan no conxunto comarcal como a primeira fonte de empregos e como unha das maiores xeradoras de riqueza. O 25% dos activos están relacionados coas tarefas do sector primario, destacando os traballos no campo nun espazo que tivo unha modernización e unha mecanización agraria moi destacada. A gandaría baséase no porcino e o bovino. O primeiro está orientado á produción cárnica, con granxas en todos os concellos, aínda que destacan en Melide, Santiso e Sobrado. O bovino, o de maior importancia na comarca está orientado para a produción cárnica e a láctea. O agro está ocupado por pastos e cultivos forraxeiros, así como tubérculos (patacas e nabos) para a alimentación do gando (41% da superficie total). No sector secundario (30% dos activos) destaca parcialmente en Melide, capital comarcal, co 59,9% dos empregados no total do sector na comarca. As empresas máis destacadas son as relacionadas coa transformación agropecuaria (cárnicas e queixarías) e madeireira (serradoiros e fábricas de mobles), así como unha empresa química de fabricación de produtos de limpeza. A construción supón a metade dos empregos no secundario co 15,9%. En canto ao sector servizos (45% dos empregos), a maior parte localízanse na vila de Melide, que destaca tanto no comercio, coma na hostalaría, servizos públicos e transportes e comunicacións e aglutina equipamentos como centros de educación secundaria, centro de saúde especializada (cabeza de comarca sanitaria), oficina de Extensión Agraria, da Seguridade Social e do INEM.
Historia
A antigüidade do poboamento da comarca amósase nos vestixios megalíticos e os castros conservados en Novela, Serantes e San Román en Santiso, e A Graña en Toques e Pedro, Baltar, Pedrouzos, San Cosme e San Salvador nos montes do Bocelo, en Melide. Algúns historiadores localizan en Melide a mansión romana Brevis do itinerario de Caracalla. En Santiso consérvanse restos dun campamento romano na Cidadellas. A historia da comarca durante a Idade Media está intimamente relacionada co mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, fundado no s X. En Toques o Camiño de Santiago atravesa o territorio e deu lugar ao nacemento do núcleo de Melide, onde se construíu en 1372 o convento do Sancto Spiritus, sé central da Orde Terceira de San Francisco en Galicia. Melide foi tamén un dos escenarios das Guerras Irmandiñas, coa destrución da fortaleza do Castelo e das murallas. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran os concellos da Terra de Melide pertenceron ás xurisdicións de Abeancos, Boente, Codesoso, Furelos, Melide, Mesía, Peibás, Santo Antolín de Toques, Sobrado e Vilar de Ferreiros. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e subtituíuse por unha administración municipal do territorio, aínda que en 1823 a derrogación da mesma por Fernando VII supuxo o regreso ao Antigo Réxime. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Neste período creáronse diversos concellos que deron lugar aos actuais. No primeiro período constitucional creáronse os concellos de Abeancos e Melide, que deron lugar en 1835 ao de Melide; en 1821 naceu o concello de Vilar de Ferreiros, que en 1835 se converteu no de Santiso. Os concellos de Sobrado e Santo Antolín de Toques, posteriormente Toques, xurdiron no primeiro período constitucional e mantivéronse na división de 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas de Santa María de Leboreiro, Santa María de Melide e a do antigo mosteiro do Sancto Spiritus, no concello de Melide, as de Santo Estevo de Pezobrés e San Pedro de Román en Santiso, o mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (BIC, 1931) e a igrexa de Santo Antoíño de Toques (BIC, 1994). Sobresaen tamén a ponte vella de Furelos e os pazos de Tarrío e Lago en Melide, a casa da Pena e o pazo de Vilar de Ferreiros en Santiso e os pazos de Golmar e Gado en Sobrado. Celébranse, entre outras festas, as do Carme e San Roque en Melide, as de Santo Agostiño e a Cruz en Santiso, as da Virxe das Dores e San Pedro en Sobrado e a romaría de San Isidro en Toques, ademais da gastronómica do Melindre en Melide.