Terra de Soneira, comarca da

Terra de Soneira, comarca da

Comarca situada ao O da provincia da Coruña e no NO da Comunidade Autómoma de Galicia. Limita ao N co Océano Atlántico e coa comarca de Bergantiños (concellos de Laxe e Cabana de Bergantiños), ao S coas comarcas de Xallas (concello de Mazaricos), ao L as comarcas de Bergantiños (concello de Coristanco) e Xallas (concello de Santa Comba) e ao O a comarca de Fisterra (concellos de Dumbría e Muxía) e, de novo co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 372,5 km2en que acolle unha poboación de 21.020 h (2001), distribuída entre os concellos de Camariñas (51,9 km2; 6.421 h [2001]), Vimianzo (187,4 km2; 8.542 h [2001]) e Zas (133,2 km2; 6.057 h [2001]). Non existe unha clara capitalidade comarcal, aínda que Vimianzo exerce certa atracción.
Xeografía física
Desde o punto de vista físico, trátase dun espazo moi contrastado, pois é unha comarca costeira e interior ao mesmo tempo. O relevo pódese enmarcar nunha área de transición entre a Costa da Morte e as chairas do interior da provincia da Coruña. Desta maneira, as formas do relevo son unha clara sucesión de pequenos horsts e depresións tectónicas, moi influenciadas polo substrato litolóxico, composto fundamentalmente por granitos pobres en materiais ferromagnesianos, de cor clara, moi alterados nalgunhas ocasións, e duros noutras, o que dá lugar, xunto co xogo tectónico, a resaltes e concavidades alternas. Pódese dividir en tres unidades. A primeira, situada no N, é a área litoral formada por aliñacións de lombas e pequenos cotarelos de dirección N-S. Trátase dunha área moi fracturada e moi incidida pola erosión diferencial, de maneira que destacan os resaltes graníticos sobre o resto do terreo, formando verdadeiros castelos e tor. A costa é moi recortada no N con numerosos entrantes (enseadas de Camelle, Arou, Arneliña e Trece) e saíntes (cabo Vilán e punta do Boi), onde o relevo cae directamente ao mar, con pendentes considerables. A ría de Camariñas atópase nunha costa máis baixa e areosa, con numerosos espazos de marisma na desembocadura do río Grande. A segunda das unidades é o Val de Soneira, propiamente dito, situado no interior e formado polo río Grande e os seus afluentes (Mira, Zas, Vilar e Castro). É unha área lixeiramente ondulada, cunha altura que varía entre os 100 e os 300 m, cuberta de materiais aluviais cuaternarios (areas e arxilas). Existen algúns resaltes graníticos de altitude non moi elevada (400-450 m) como consecuencia da erosión diferencial. A terceira unidade son as superficies de erosión elevadas sobre o nivel do mar entre 400 e 600 m, formadas por material granítico, xistos e sedimentos cuaternarios nalgúns espazos. Estas superficies están moi fracturadas e non presentan as chairas que poden ter nos veciños concellos de Santa Comba e Mazaricos. Desde o punto de vista climático, a comarca ten un clima oceánico húmido, pero matizado pola amplitude do territorio, polo que non existe unha variedade única, xa que os matices impostos pola proximidade ou afastamento do mar e a altitude inciden nos valores térmicos e nas precipitacións. Así, na costa, a suavidade do clima é a tónica xeral, con temperaturas medias anuais de 14°C, invernos moi suaves (9-10°C) e veráns frescos (18-19°C), cunha oscilación térmica moi pouco marcada. As precipitacións sitúanse ao redor dos 1.000 mm, xa que as masas do SO non entran directamente a través das costas. No interior, as temperaturas son máis extremas, con valores medios de 12,5°C, invernos máis fríos (7°C) e veráns frescos (18-19°C). As xeadas aparecen nos meses de inverno, aínda que cunha frecuencia moi pouco acusada. As precipitacións superan os 1.200 mm, como consecuencia da maior altura e da situación orientada cara ao SO. A rede fluvial está centrada no río Grande e nos seus afluentes pola esquerda entre os que destacan os ríos Mira, Zas, Vilar e Castro, que regan os concellos de Zas e Vimianzo. O río Grande desemboca na ría de Camariñas, onde forma barras areosas e marismas. O Xallas exerce de fronteira natural no S do termo de Zas. Cara ao interior predominan os piñeiros xunto coas matogueiras de toxos, xestas, uces e fieitos.
Xeografía humana
A comarca da Terra de Soneira foi un espazo de intenso crecemento demográfico, pero contrarrestado pola tamén forte emigración, o que fixo que a súa poboación tivese dúas fases claramente diferenzas na súa evolución. Desde comezos do s XX e ata 1970, a poboación da comarca incrementouse de forma paulatina, con épocas de maior crecemento e outras de estancamento. Así, o total de poboación en 1900 era de 18.481 h, pasando a ser 20.785 h en 1930, un crecemento moi moderado, motivado polo importante movemento vexetativo e contrarrestado pola emigración cara a América. Desde 1930 ata 1950 prodúcese unha nova etapa de crecemento, potenciada polo freo dos movementos migratorios tras a Guerra Civil e polo aínda constante crecemento vexetativo. Así, en 1950, a poboación comarcal era de 24.389 h; todos os concellos medraron, pero foron Camariñas e Zas os que tiveron unha evolución máis destacada nesta etapa.Tras o estancamento da década de 1950, como consecuencia do éxodo rural (24.389 h en 1950 e 24.170 h en 1960), produciuse outra nova etapa de crecemento poboacional, que acadan en 1970 o máximo demográfico da comarca (26.516 h). A partir desa data, todos os concellos perderon efectivos de forma constante, de maneira especial en Zas e Vimianzo, como consecuencia dunha emigración cara a Europa e cara a cidades como A Coruña ou Santiago de Compostela. A evolución posterior mostra un descenso menos marcado, pero aínda motivado pola emigración que se mantén (sobre todo ás cidades galegas e a Canarias), e polo crecemento vexetativo de signo negativo. A consecuencia directa desta evolución é o avellentamento da poboación, o 12% (2004) da mesma é menor de 15 anos, fronte ao 22,7% de maiores de 65 anos, moito máis marcado en Zas e Vimianzo que en Camariñas. Malia todo, Terra de Soneira non se sitúa aínda entre as comarcas máis avellentadas de Galicia. As taxa de natalidade é do 5,6‰, mentres que a mortalidade, en alza, é do 10,3‰, cun resultante crecemento vexetativo do -4,7‰. A poboación distribúese de forma pouco homoxénea polo territorio, as parroquias situadas nas áreas de menor altura son as de maior poboación e densidade. Existen varias pequenas vilas que concentran unha pequena parte da poboación: destacan Camariñas (2.784 h), a máis importante da comarca, Vimianzo (1.274 h), Camelle (1.073 h), A Ponte do Porto (987 h), Baio (897 h), Arou (477 h), Zas (418 h) e Baíñas (303 h). O resto de entidades son de menor importancia e conservan o seu carácter rural, xa que a maior parte delas non chega aos 100 h.
Xeografía económica
A estrutura económica da comarca evidencia unha clara dicotomía entre o sector primario e o secundario, no que o primeiro é unha das bases económicas da comarca, xa que xera unha importante masa de empregos directos. Así, no conxunto comarcal, o 22,6% da poboación emprégase nas actividades primarias, co 7,8% dos activos dedicados ás actividades pesqueiras. Os pastos, prados e superficies forestais cobren o 92% das terras útiles, con especial importancia das primeiras, xa que se orientan cara ao sector gandeiro. Dentro da gandaría destaca o vacún e o porcino, orientada á produción láctea no primeiro dos casos (sobre todo en Vimianzo e Zas) e á cárnica no segundo. A pesca é unha actividade moi destacada na comarca e, en especial, no concello de Camariñas, que posúe unha frota considerable, que faena tanto no litoral próximo coma nos caladoiros internacionais. As principais capturas son especies como a sardiña, atún e a pescada, xa que o marisqueo é unha actividade secundaria. Séguelle en importancia o porto de Camelle, aínda que con menor frota e menor número de capturas. Dentro do secundario (41,7% dos empregos), a construción dá traballo ao 22,3% dos activos, sobre todo en pequenas empresas. É moi frecuente que gran parte destes obreiros traballen fóra da comarca, sobre todo nas áreas de maior demanda turística (Canarias ou Illes Balears), así como en cidades onde a actividade construtiva é moi dinámica (Madrid ou Barcelona). A minaría non está excesivamente desenvolvida e só destaca a explotación de caolíns en Vimianzo. A industria (19,4% dos activos) está vinculada á pesca, coa presenza de varias pequenas conserveiras en Camariñas e A Ponte do Porto. Outros sectores destacados son a madeira, aglomerados e mobles, os prefabricados de formigón e as empresas téxtiles, a maior parte deles localizados no concello de Vimianzo. O sector servizos foi o que máis medrou nos tres concellos ata situarse por diante do primario en número de empregos (35,8% dos activos). Dentro deste, o comercio destaca nas vilas de Camariñas, Vimianzo, Baio, Camelle, A Ponte do Porto e Zas, que aglutinan a meirande parte dos empregos e das empresas do sector. Os servizos públicos, pola contra, localízanse nas capitais municipais, onde están os centros médicos e escolares e os institutos de educación secundaria. Baio tamén conta con certos servizos públicos, ao ser un centro urbano de maior tamaño que a capital, Zas.
Historia
Os primeiros poboadores da comarca son de época prerromana. De época megalítica destacan a mámoa de Reira en Camariñas; os dolmens de Pedra Cuberta e Pedra da Arca en Vimianzo; e os túmulos de Vermello, Pedra de Vixía e os conxuntos de mámoas de Gandar e Os Cotóns en Zas. De época castrexa consérvanse os castros Mourín e Monte Croado en Camariñas, e San Adrián en Vimianzo. As mostras da romanización son máis numerosas. En Vimianzo e Zas atopáronse tegulas, ladrillos e muíños circulares e, parece que en Brandomil estaba a mansión Brandimirum da Via Per Loca Maritima, onde se atopou unha ara consagrada ao deus Cosus. Outras necrópoles romanas son as de Tines e Bamiro en Vimianzo. No mesmo concello de Vimianzo atopouse unha estela do s VI, un dos primeiros testemuños epigráficos cristiáns de Galicia. Durante a Idade Media construíronse numerosas fortificacións, pazos e casas, como o castelo de Vimianzo, entre os ss XII e XIII, derrubado polos irmandiños e reconstruído despois. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman os concellos da Terra de Soneira pertenceron ás xurisdicións de Vimianzo, Ozón e Baíñas, Xallas, Soneira e o couto redondo de Allo. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e substituíuse por unha administración municipal do territorio, aínda que en 1823 a derrogación da mesma por Fernando VII supuxo o regreso ao Antigo Réxime. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Neste período creáronse diversos concellos que deron lugar aos actuais. En 1835 xurdiu o concello de Camariñas. No primeiro período constitucional formouse o de Vimianzo, que se mantivo na división de 1835. En 1821 xurdiron os concellos de Allo, Zas e Muíño, sucedidos polo de Zas en 1835. Durante a Guerra da Independencia organizáronse guerrillas locais fronte aos franceses. En 1809 tivo lugar nas costas de Camariñas o afundimento do buque escola inglés The Serpent, en que morreron 300 cadetes, que foron soterrados preto de Xaviña, no lugar coñecido como Cemiterio dos Ingleses.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar as igrexas de Xaviña e San Xurxo en Camariñas; as de Baíñas e Tines en Vimianzo; e a de San Pedro de Allo en Zas. Entre as mostras da arquitectura civil sobresaen os pazos do Mouzo e de Dor en Camariñas; o pazo--torre de Cereixo (BIC, 1989) e o castelo de Vimianzo (BIC, 1994) en Vimianzo; e as torres do Allo en Zas, ademais do faro de Cabo Vilán, o primeiro de España en contar con enerxía eléctrica. No eido do patrimonio natural destaca o espazo situado entre Cabo Vilán e Camelle e os arredores do encoro das Fervenzas. Entre as festas que se celebran atópanse as da Virxe do Carme en Camariñas, a de San Vicente de Noal en Vimianzo e as romarías de Santa Margarida e San Roque en Zas.