Terra de Trives, comarca da
Comarca situada ao NL da provincia de Ourense e no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa comarca de Quiroga (concellos de Ribas de Sil e Quiroga), ao S coas de Verín (concello de Laza) e Viana (concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo), ao L coa comarca de Valdeorras (concellos de Larouco e O Bolo) e ao O coa comarca da Terra de Caldelas (concellos de Castro Caldelas e Montederramo). Abrangue unha superficie de 431,7 km2en que acolle unha poboación de 5.730 h (2001), distribuída entre os concellos de Chandrexa de Queixa (171,8 km2; 844 h [2001]), Manzaneda (114,6 km2; 1.198 h [2001]), A Pobra de Trives (84,2 km2; 2.756 h [2001]) e San Xoán de Río (61,1 km2; 932 h [2001]). A Pobra de Trives é a capital comarcal e un núcleo consolidado de servizos básicos. Debido ao seu afastamento da capital da provincia, o referente da comarca é O Barco de Valdeorras, sobre todo no relativo a servizos públicos especializados.
Xeografía física
Terra de Trives é unha das comarcas de maior altitude de Galicia, con terras situadas enriba dos 1.000 m na maior parte dos casos. Desde o punto de vista xeomorfolóxico, existen dúas unidades de considerable importancia: as superficies de erosión ou penechairas situadas ao redor dos 800-1.000 m de altitude, na parte N, e a serra de Queixa, no S. A primeira delas é a continuación da penechaira que se atopa ao redor dos canóns do Sil, na veciña comarca da Terra de Caldelas, e que se comporta como unha superficie residual de materiais duros (cuarcitas, granitos e lousas) moi erosionada durante o Secundario, elevada durante o Terciario e fortemente incidida pola rede fluvial en época cuaternaria. Así, os ríos Navea, no O, e Bibei, no L, xunto cos seus afluentes, tiveron un forte encaixamento nestas superficies achairadas. O resto da comarca sitúase nunha área montañosa, na serra de Queixa, nun espazo elevado durante a oroxenia alpina, moi erosionado, suavizado e incidido tamén pola rede fluvial. Pero o máis destacado deste conxunto montañoso, que culmina na Cabeza Grande (en Cabeza de Manzaneda), a 1.782 m de altitude, é o modelado glaciario, xa que se trata da área máis importante de glaciarismo en Galicia, aínda que non sexa a máis elevada nin a máis extensa. As vertentes da serra de Queixa posúen circos e vales glaciarios en todas as direccións, modelados durante os períodos fríos do Würm. Na parte máis elevada da serra atopábase o casquete glaciario, a partir do que foron descendendo as linguas a través dos vales dos ríos San Lázaro, Lamas, Requeixo e Forcadas. Existen tamén vestixios do gran glaciar de Tabuazas-Queixa, entre as serras de Queixa e San Mamede, que chegou a ter case 14 km de lonxitude. As formacións glaciarias que fican na actualidade, son morenas frontais e laterais, depósitos de till, estrías e vales en U. Os procesos periglaciais son frecuentes na actualidade, con numerosos canchais, pedreiras e depósitos de cantos. O clima oceánico xeral vese matizado pola elevada altura do conxunto, que dá paso a un clima de montaña, que ten certas tendencias mediterráneas nas áreas máis baixas. As temperaturas nas chairas da Pobra de Trives e Manzaneda acadan unhas medias baixas (10°C) con invernos fríos (2°C), veráns frescos (16-17°C), precipitacións bastante abondosas (1.500 mm), xeadas moi frecuentes e nevadas presentes todos os invernos. Na serra de Queixa, estas condicións extrémanse, con medias de 6-7°C, invernos moi fríos (-1-0°C), veráns moi curtos e frescos (14-15°C) e precipitacións que acadan valores moi elevados (1.700 -2.000 mm), en forma de neve no inverno. Os microclimas dos ríos Bibei e Navea mostran matices mediterráneos e continentais, con elevadas oscilacións térmicas, veráns máis benignos e invernos menos crús. A presenza de terras altas e de solos de pouco espesor impide a persistencia do bosque, de maneira que soamente se atopan matogueiras e prados de alta montaña, onde destacan as xestas, piornos, codesos, queirugas e gramíneas, así como especies hidromorfas nas áreas de turbeira da parte máis elevada. As masas forestais atópanse nos vales fluviais menos accesibles, onde existe maior humidade, e mestúranse especies das rexións eurosiberiana e mediterránea (carballo, sobreira, cerquiño, bidueiro, castiñeiro e abeleira). Destaca a fraga de cerquiños do val do Navea.
Xeografía humana
Na evolución demográfica a comarca sufriu un considerable descenso da súa poboación, sobre todo a partir da década de 1950 como consecuencia do éxodo rural ata converterse nunha das comarcas menos poboadas de Galicia, unha das de menos volume demográfico e unha das máis avellentadas. As primeiras décadas do s XX foron dun período de estancamento poboacional, con leves incrementos, e leves descensos, tal e como mostra a seguinte secuencia: 15.403 h (1900); 15.543 h (1910); 15.168 h (1920); 15.161 h (1930); 15.186 h (1940) e 14.596 h (1950). A intensa emigración cara a América impediu que o tamén elevado crecemento vexetativo fixese medrar a poboación. A partir desta última data, 1950, o número de efectivos foi reducíndose de forma considerable a causa do éxodo rural, que cambiou de dirección aos países europeos e ás principais áreas urbanas españolas e galegas: 13.023 h (1960); 12.806 h (1970); 11.108 h (1981); 6.582 h (1996) e 5.730 h (2001). O descenso dos últimos anos do s XX estivo motivado, ademais de pola emigración, polo crecemento vexetativo, que se volveu negativo a consecuencia do elevado grao de avellentamento da poboación. Unicamente A Pobra de Trives logrou medrar durante todo o s XX, por aglutinar unha boa parte dos servizos e equipamentos desta área como por ser o centro de turismo de neve invernal en Galicia. A estrutura demográfica resultante mostra un predominio da poboación vella maior de 65 anos (38,1%, 2004), sobre os menores de 15 anos (7,6%), cunha taxa de natalidade (3,6‰) moi baixa, e moi inferior á de mortalidade (16,5‰), polo que resulta un crecemento vexetativo moi negativo (-12,9‰). A distribución dos efectivos demográficos polo territorio amosa unha maioritaria poboación rural, concentrada en entidades de poboación pequenas, situadas tanto na penechaira como nos vales do Navea e o Bibei, cun claro baleiro demográfico na parte montañosa. A maior entidade é a vila da Pobra de Trives (1.531 h), seguida de Manzaneda (215 h).
Xeografía económica
Na Terra de Trives xa non é o sector primario o que maior número de empregos xera nin tampouco o que máis contribúe á renda comarcal, aínda que conta cunha relativa importancia, sobre todo a escala municipal. O 16,4% dos activos comarcais están relacionados coas tarefas agropecuarias, entre as que destaca a gandaría de aptitude cárnica, moi pouco modernizada e mecanizada, composta por bovinos, ovinos, porcinos e aves. Os cultivos, moi influenciados pola altitude e polas baixas temperaturas, oriéntanse cara ao sector gandeiro, xa que predominan os pastos e prados, e os cultivos forraxeiros. O secundario céntrase na produción hidroeléctrica dos importantes encoros dos ríos Navea (Chandrexa de Queixa e Guístolas) e Bibei (Montefurado, San Miguel e Vao, situado este último na súa maior parte no concello de Viana do Bolo). A construción, co 17,7% dos activos, é a actividade máis destacada dentro deste sector. A industria ocupa ao 14,6%. O sector servizos agrupa ao 51,3% da poboación activa. Destaca a Pobra de Trives que aglutina a maior parte dos servizos, comercio, hostalaría e actividades relacionadas cos transportes da comarca. A dotación da vila componse dun instituto de ensino secundario, centro de saúde especializado e oficina de extensión agraria. A escasa dotación da Pobra de Trives vese completada pola das vilas da Rúa e O Barco de Valdeorras. O turismo é un dos revulsivos e un gran xerador de divisas na comarca da Terra de Trives, especialmente desde 1972, coa apertura da estación invernal de Cabeza de Manzaneda, que ampliou as ofertas de ocio durante o inverno en Galicia.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento da Terra de Trives son as mámoas megalíticas de Cerdeira (San Xoán de Río), concello onde tamén se atopou en Mouruás unha espada da Idade do Bronce. Os tiburos poboaron a comarca na Idade do Ferro. Da época castrexa destacan os castros de Cividá e O Castelo na Pobra de Trives. En época romana o territorio estaba atravesado pola vía XVIII do Itinerario de Antonino que unía Braga con Astorga. Desta época consérvanse diversas pontes e os restos da mansión de Nemetóbriga, ademais de miliarios. Non se conservan vestixios da invasión musulmá a pesar das lendas do lugar de Mouruás (San Xoán de Río). Os primeiros datos históricos documentados aluden ao reparto de terras entre monxes, templarios e tenentes, que logo formaron parte do patrimonio dos condes de Lemos. Durante a Idade Media houbo unha importante ocupación monástica con diversos cenobios como o mosteiro de monxas beneditinas de Sobrado (A Pobra de Trives). Entre os ss XVI e XIX a comarca pasou a pertencer aos condes de Ribadavia. Durante a Guerra da Independencia A Pobra de Trives foi un dos primeiros lugares en alzarse contra os franceses. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman os actuais concellos da Terra de Trives pertenceron a diversas xurisdicións en que exerceron o señorío os condes de Lemos, os condes de Ribadavia e diversos señores laicos e relixiosos. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e subtituíuse por unha administración municipal do territorio, aínda que en 1823 a derrogación da mesma por Fernando VII supuxo o regreso ao Antigo Réxime. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. No primeiro período consitucional formáronse os concellos de Chandrexa de Queixa, Bretelo e Fontefeita, e en 1835 creouse o actual concello de Chandrexa de Queixa. No territorio do concello de Manzaneda creáronse nun primeiro momento os concellos de Manzaneda, Cesuris e Bidueira e en 1835 o de Manzaneda. No primeiro período constitucional formáronse os concellos da Pobra de Trives e Sobrado, que en 1835 se fusionaron no da Pobra de Trives. O concello de Río xurdiu na primeira división municipal, mantívose na de 1835 e cambiou posteriormente o seu nome polo de San Xoán de Río.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa de Sobrado de Trives en Chandrexa de Queixa; as de Santa María de Cesuris e San Miguel de Bidueira en Manzaneda; San Salvador de Sobrado de Trives na Pobra de Trives; e as igrexas de Argas e San Xoán de Río. No eido da arquitectura civil destacan as pontes Bibei (BIC, 1931), Cabalar e Návea, de orixe romana, o casal de Drados en Chandrexa de Queixa; a antiga fortaleza medieval e o pazo de Casa da Pena en Manzaneda; e os pazos da Corga e da Freiría na Pobra de Trives. No concello de Manzaneda atópase a única estación para practicar deportes de inverno de Galicia. Na comarca atópase o Parque Natural do Invernadeiro e Pena Trevinca, declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) en 2001. Celébranse, entre outras, as festas da Virxe de Guadalupe e a romaría de Chandrexa de Queixa, as de Nosa Señora das Neves en Manzaneda, a do Santo Cristo da Misericordia na Pobra de Trives e as de san Xoán en San Xoán de Río, ademais do festival de Bandas de Galicia e o Entroido coa saída dos folións en Manzaneda, e as festas do Chourizo e da Bica Mantecada na Pobra de Trives.