Territorio do Noroeste
Territorio de Canadá, situado entre a baía de Hudson, ao L, e o territorio do Yukon, ao O, que comprende máis de 1/3 da superficie total do país (1.224.920 km2; 37.360 h [2001]). A súa capital é Yellowknife (16.541 h [2001]). Esténdese ao N ata máis alá do Círculo Polar Ártico, e comprende numerosas illas, entre as que está a de Baffin. Un grande altiplano interior cobre unha boa parte dos distritos de Franklin e Keewatin, mentres que na parte occidental se abre o val do Mackenzie, entre as montañas de Horn e Franklin, prolongada pola gran depresión entre o Gran Lago dos Osos e do Escravo. Preto destes lagos e do Athabaska están as principais minas de uranio e de radio do mundo. A poboación esquimó, que vive nos distritos de Keewatin e Franklin, dedícase sobre todo á caza e á pesca, mentres que os indios practican a caza e o comercio de peletaría, sometidos por outra banda a regulación gobernamental.