Tíbet
Rexión de Asia central fronteiriza polo S con India, Nepal e Bhutan que constitúe actualmente un zizhiqu de China (1.200.000 km2; 2.620.000 h [2000]). A súa capital é Lhasa. Está constituído por un vasto altiplano setentrional, o máis alto e o máis extenso do mundo (con altitudes de 5.000 m), rodeado de altas cordilleiras como o Altin Tagh e o a Nan Shan ao N, o Karakorum ao O, o Himalaia ao S e as montañas de Sichuan ao L. O clima é continental e rigoroso, influído pola altitude, e as precipitacións son escasas. Nos vales periféricos do S e o L nacen os ríos Indo, Brahmaputra, Mekong, Salween, Iang-Tsé e Huang He. Predominan as concas pechadas, que dan lugar a numerosos lagos, a maioría salgados. A vexetación, moi rica no val do Brahmaputra, ten carácter polar ou desértico nos relevos e nas concas do centro. A poboación, escasa, concéntrase no SL. A actividade principal é a gandaría seminómade de ovellas, cabras e cabalos, que proporcionan carne, leite e peles. Exporta la e peles e compra te. Ten recursos mineiros importantes (petróleo e carbón) e grandes recursos hidráulicos ao S. A maioría da poboación é tibetana e segue diversas formas relixiosas, entre as que predomina o lamaísmo. Coñécense poucos datos sobre o Tíbet anteriores ao s VII pola falta de documentos escritos. Desde entón comezou un período monárquico (ss VII-IX), que se iniciou coa unificación, baixo un só poder, dos diversos principados feudais de Yar-klung, e estableceuse a capital en Lhasa. Foi a época da introdución e da difusión do budismo, que se impuxo á relixión autóctona local (bon), e erixiuse o primeiro gran templo budista, en bSam-yas. A través do poder militar, o Tíbet ocupou unha vasta área de Asia central, chegando a dominar unha parte da China da dinastía tang. O período acabou co asasinato do Rei Glangdar-ma, inimigo do budismo, que puxo fin á hexemonía real. A partir do s IX a fragmentación do reino en diversas familias nobres levou á perda gradual da unidade política, mentres nacían as primeiras grandes comunidades monásticas que foron impoñéndose aos señores feudais. Así, no s XIII, o monxe ‘P’ags-pa, da escola Sa-skya-pa, coa axuda do exército mongol de Khublai Khan, que invadira o país, foi nomeado soberano relixioso do Tíbet. Outra personaxe importante da época foi o reformador monástico Tsong-k’a-pa (ss XIV-XV), fundador da orde dos dGelugs-pa, cuxo xefe recibe o título honorífico de Dalai Lama. A partir do s XVII iniciouse un período teocrático, que comezou co quinto Dalai Lama -que se impuxo ás demais escolas relixiosas mediante o soporte militar do Imperio Mongol e acadou o poder absoluto eclesiástico e político- e que durou ata mediados do s XX. En 1950 o Tíbet foi ocupado militarmente polas forzas chinesas e, un ano despois, o empeoramento da situación política local, agravada pola insurrección dunha parte da poboación, acabou coa fuxida do décimo cuarto Dalai Lama -Tenzin Gyatso- e dalgúns milleiros de tibetanos á India, onde constituíron un goberno tibetano no exilio. En 1965 o Tíbet foi declarado rexión autónoma da República Popular China. A Revolución Cultural chinesa (1965) traduciuse no Tíbet nunha violenta acción anticlerical e nunha intensa colonización. Ademais, este feito viuse agravado polo exilio de numerosos tibetanos e pola inmigración chinesa. Os tibetanos, non obstante, protagonizaron protestas independentes, especialmente intensas a partir de 1977 e retomadas a partir da década de 1980, motivadas pola actividade internacional do Dalai Lama.