Tirol
Rexión dos Alpes orientais, dividida entre os estados de Austria (Tirol ou val do Inn e Tirol Oriental ou cabeceira do Drava) e Italia (Tirol do Sur ou cabeceira do Adige). É un territorio moi montañoso que se estende entre Baviera, ao N, e o Trentino ao S. Distínguense unha serie de macizos formados por rochas metamórficas, continuación da zona axial da gran cordilleira alpina, con alturas superiores a 3.000 m, como Ortler (Ortles), Öztaler, Zillertal, Brenner e Tauern. A ambos os lados destes esténdense os Prealpes calcarios, e na zona de contacto estrutural entre ambos os dous macizos inscríbense os lonxitudinais vales do Inn e do Drava. O val do Inn é o eixe vital da rexión do conxunto alpino. A maioría dos habitantes primitivos de Tirol eran de orixe iliria. O cristianismo conseguiu enraizar pouco a pouco a partir das antigas fundacións romanas. Durante o s VI Tirol foi poboado polos bainvarii (os primitivos bavareses), que entraron en contacto, ao S de Bozen, cos longobardos e cos eslavos dos Alpes. Cara ao ano 1000 apareceron os condados bispados de Brixen e de Trento. Os bispos condes doaron unha parte dos seus dereitos aos condes de Tirol, que crearon, cara a mediados do s XIII, o land de Tirol e independizáronse pouco a pouco dos bispos. Un dos condes máis poderosos foi Alberte III. Meinardo II (1268-1295) foi conde de Carintia e do Sacro Imperio en 1286 e puxo fin definitivamente á preponderancia dos bispos. Despois da morte do seu fillo Enrique, en 1335, Carintia pasou a poder dos Austria, e a filla deste, Margarida I, ligou Tirol aos Austria en 1363, co acordo da poboación. Baixo os Austria, Tirol foi gobernado por diversos arquiduques co título condal, e no s XVIII foi incorporado ás terras hereditarias da emperatriz María Tareixa. En 1804 quedou definitivamente incorporada ao Imperio Austríaco, e tras as guerras napoleónicas, pasou, segundo os acordos da Paz de Pressburgo, a formar parte de Baviera en 1805. Pero as medidas coercitivas do goberno bavarés provocaron unha revolta popular dirixida por A. Hofer, J. Speckbacher e J. Haspinger. Vencido o levantamento, Tirol foi repartido entre o Reino de Italia, Baviera e as provincias francesas de Iliria. En 1814 foi de novo incorporado a Austria. Ao rematar a Primeira Guerra Mundial, Italia recibiu a parte meridional de Tirol. O resto forma hoxe un land da República Federal de Austria.