Tobío Fernández, Lois

Tobío Fernández, Lois

Diplomático. En 1916 trasladouse a Santiago de Compostela onde se licenciou en Dereito (1927). Participou en 1923 na fundación do Seminario de Estudos Galegos do que foi secretario de actas ata 1928. Ingresou co traballo “Algunhas moedas castelás atopadas no Valadouro”. En 1936 converteuse en conselleiro permanente do Seminario en calidade de director da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Durante este tempo realizou investigacións históricas que publicou no Boletín da Real Academia Galega, Nós e Arquivos do Seminario, ademais do “Vocabulario popular galego-castelán” que publicou en Faro de Vigo. En 1929 trasladouse a Berlín onde iniciou estudos de ciencia política e entrou en contacto co marxismo. No curso 1930-1931 converteuse en profesor de dereito da Universidade de Santiago de Compostela, en que incluíu un pequeno curso da historia do dereito galego, e en 1931 trasladouse a Madrid para realizar o doutoramento. Ese mesmo ano participou no grupo que redactaba o Anteproxecto do Estatuto de Galicia e foi nomeado membro do Consello Executivo do Partido Galeguista. En 1932 ingresou na carreira diplomática e en 1933 trasladouse, como secretario da embaixada, a Sofia (Bulgaria), onde lle sorprendeu o inicio da Guerra Civil Española. En 1937 foi nomeado cónsul de primeira de Montevideo aínda que continuou en Sofia ata que foi trasladado ao ministerio de Estado, instalado en València. Desde aquí realizou viaxes a diversas cidades europeas como representante do goberno republicano e en 1938 foi nomeado secretario xeral do ministerio de Estado. En 1939 marchou ao exilio cara a América e despois de pasar por Nova York, Cuba e México, instalouse en Montevideo en 1941. Traballou como xornalista e tradutor e en 1947 abandonou o periodismo para traballar no departamento de publicidade dunha empresa farmacéutica. Durante a súa estancia en Uruguay integrouse na Irmandade Galega de Montevideo, propúxolle a Castelao a creación do Consello de Galiza, formado en 1945, promoveu a celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega en Bos Aires (1956) e contribuíu á publicación dos dous primeiros tomos de Historia de Galicia (1957), dirixida por R. Otero Pedrayo. En 1958 obtivo a credencial de tradutor da ONU. Trasladado pola súa empresa, en 1963 regresou a España e instalouse en Madrid. En 1974 readmitírono na carreira diplomática e destinárono á sección de Legalizacións, onde permaneceu ata a súa xubilación en 1976. En 2000 ingresou no Consello Asesor do IGADI. Das súas traducións destacan Os Sonetos a Orfeu, de Rainer M. Rilke (1980) e a versión galega de Fausto (1997), pola que recibiu o Premio de Tradución Plácido Castro en 2002. Sobre a figura do conde de Gondomar publicou Gondomar y su triunfo sobre Raleigh (1974), A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca (1984) e Gondomar y los católicos ingleses (1897). Tamén publicou as memorias As Décadas de T. L. (1994). Recibiu o Pergameo de Honra e Lobanza do Padroado do Pedrón de Ouro (1984), o premio anual da Fundación Otero Pedrayo (1991), a Medalla de Honra de Viveiro (1997) e o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1999). Foi correspondente da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Viveiro

  • Deceso

    Lugar : Madrid