Toledo

Toledo

Municipio de Castela-A Mancha e capital da provincia homónima (68.382 h [2001]).   A falta de industria e a absorción comercial por parte de Madrid explica o seu lento crecemento demográfico. As novas industrias e o turismo superaron a súa artesanía, de gran prestixio. É sé arcebispal. Antiga poboación de orixe céltica, foi ocupada polos romanos (193? a C), de quen recibiu o nome de Toletum e se converteu en sé episcopal (300?). Adquiriu especial importancia tras os Concilios de Toledo e foi capital do reino hispanogótico e centro dun arcebispado. Coa dominación musulmá perdeu a súa capitalidade. Durante o emirato de al-Hakam I (796- 822) estalou unha insurrección moi violenta, que foi duramente reprimida polo muladí Amrus ben Yusuf, que culminou coa matanza coñecida como a xornada do foso. Sometida ao Califato de Córdoba, baixo Abd al-Rahman III (929-931) retomou unha fase de esplendor. Foi a capital da Taifa de Toledo (1035-1085), e formouse nela unha comunidade xudía, que foi expulsada en 1492. A diversidade racial mantida por Afonso VI, deu pé á formación da Escola de Tradutores de Toledo (ss XII-XIII). Foi o foco principal da rebelión das Comunidades de Castela, pero capitulou despois dunha longa resistencia (1522). Aínda que na primeira metade do s XVI foi unha das cidades máis florecentes da Península, entrou en decadencia cando Madrid se converteu en capital do reino (1561). No s XIX coverteuse nunha cidade con funcións administrativas e unha industria local. Como consecuencia da expansión do trigo (1834-1850), converteuse en capital dunha zona cerealística. Foi fiel á Segunda República Española durante a rebelión militar de 1936, a excepción do Alcázar, desde onde o coronel Moscardó dirixiu a resistencia ata a chegada das tropas do xeneral Varela, que ocuparon a cidade o 28 de setembro. O conxunto histórico artístico da cidade (BIC, 1940) foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1986. Destacan as pontes de Alcántara e San Martín, ambas as dúas declaradas BIC (1921); a Puerta del Sol (BIC, 1878), a Puerta Nueva de Bisagra, a Puerta Vieja de Bisagra e a Puerta del Cambrón (s XVI), declaradas BIC (1921); a antiga Mezquita del Cristo de la Luz   (BIC, 1998); as igrexas de Santa Eulalia e San Sebastián, declaradas BIC en 1931, San Vicente (BIC, 1999), San Román, o Cristo de la Vega, Santiago de Arrabal e Santo Tomé, declaradas BIC en 1931; a catedral de Santa María (BIC, 1981) e a sinagoga de Santa María la Blanca, (BIC, 1930) e o mosteiro de San Juan de los Reyes, cuxa igrexa foi declarada BIC en 1926. No eido da arquitectura civil sobresaen o Taller del Moro (BIC, 1931), o Hospital de la Santa Cruz, o Hospital Tavera, o Alcázar   (BIC, 1937) e o Museo de El Greco (BIC, 1962).