Tolstoj, Lev Nikolajevič

Tolstoj, Lev Nikolajevič

Escritor ruso. De familia nobre, a súa primeira novela foi Detstvo (A infancia, 1852), á que seguiron Otročestvo (A adolescencia, 1854) e Junost’ (A primeira xuventude, 1857). Analizou e denunciou a realidade da guerra en Sevastopol’skije rasskazy’ (Relatos de Sebastopol, 1855-1856), influenciado pola súa experiencia no Cáucaso e a Guerra de Crimea. A primeira viaxe a Europa (1857) levouno a formular graves problemas morais e filosóficos e a atacar a inxustiza social. Durante a década de 1870, moitos críticos e escritores menosprezaron a perfección formal e as investigacións literarias, e Tolstoj, que non se mostraba de acordo con esta postura extrema, tamén participou na literatura desde un punto de vista moralista. Esta época representa o momento culminante da súa arte. De novo en Jasnaja Pol’ana, dedicouse á educación dos nenos e dos campesiños, fundou unha escola na súa propiedade e outras ao redor do distrito, editou a revista Jasnaja Pol’ana, publicou diversos libros para o ensino e foi dos primeiros en reclamar o dereito de educación para toda persoa. Descontento coa pedagoxía europea e rusa, defendeu que o mellor método é aquel que esperta o interese do alumno sen coaccionalo, pois así se consegue unha asimilación consciente activa e creadora por parte do neno. En 1867 comezou a publicación de Vojna i mir (Guerra e paz). Seguiu nunha nova etapa de dedicación aos nenos aldeáns e unha nova crise espiritual, que se reflicte parcialmente en Anna Karenina (1874-1877), onde destaca a análise psicolóxica dos personaxes. Con Ispoved’ (A confesión, 1884) e V čom moja vera? (En que consiste a miña fe?, 1882-1884) cristaliza a ideoloxía cristiá-anarquista. Desde entón opúxose abertamente ás formas de vida da súa clase social, atacou a Igrexa oficial e a burocracia. Refliten a crise do último período da súa vida Smert’Ivana Iljiča (A morte de Ivo Iljic, 1886), Krejzerova sonata (Sonata a Kreutzer, 1890) e Djavol (O demo, 1911). Volveu interesarse polo teatro, que abandonara na súa xuventude, en Plody prosvescenija (Os froitos da educación, 1891). Destaca tamén Voskresenije (Resurrección, 1899), ataque ao sistema de vida ruso, que lle valeu a excomuñón. Recoñecido como un dos grandes mestres do s XIX, a súa obra tivo un papel importante na historia da literatura universal. En España, Tolstoj foi descuberto, inicialmente, grazas ao libro La revolución y la novela en Rusia (1887), de Emilia Pardo Bazán, aínda que o escritor con máis influencias de Tolstoj foi B. Pérez Galdós.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Jasnaja Pol’ana

  • Deceso

    Lugar : Astapovo