Tonquín

Tonquín

Rexión setentrional de Vietnam (115.700 km2). Limita ao N co sheng chinés de Yunnan e o zizhiqu de Guangxi Zhuang, ao S coa rexión de Annam e ao L co mar da China Meridional, onde constitúe o golfo de Tonquín. Corresponde esencialmente coa conca fértil e o delta do Sông Nhi Ha. O clima é monzónico, con chuvias de xuño a setembro. Habitada polos tai, a poboación concéntrase no delta. O arroz ocupa o 80% da superficie de cultivo, a metade dela con dúas colleitas anuais. Outros cultivos importantes son o millo, a pataca doce, a cana de azucre e o algodón. Destaca a pesca, tanto marítima como fluvial. O subsolo é rico en minerais. A industria concéntrase arredor de Hanoi e Hai Phong, principal porto. Habitada por pobos montañeses (tai, man e meo), no s III a C formou parte do Reino de Nam Yu (en vietnamita Nam Vièt ou Vietnam). A rexión foi dominada polos chineses durante mil anos (111 a C - 939 d C). Recuperada a independencia co nome de Dai Vièt, durante as dinastías dos Lê e dos Ly (1009-1225) iniciouse a expansión cara ao S. En 1545 o imperio dividiuse nos reinos do norte (Tonquín e o N de Annam) e do sur (o centro e o S de Annam e a Conchinchina). O país foi reunificado por Nguyên Anh, que se proclamou emperador co nome de Gia-long (1802). Os franceses estableceron un protectorado (1883), baixo a soberanía nominal dos emperadores de Annam. Ao final da Segunda Guerra Mundial, pasou a formar parte de Vietnam independente, pero en 1946 volveu ás mans dos franceses, que se mantiveron ata a proclamación da República Popular de Vietnam (1945).