Toquio
Capital de Xapón e do ken homónimo (8.013.502 h [1998]). Situada ao SL de Honshū, está atravesada de N a S polo Sumida; ao S, esténdese ao longo da badía de Toquio, nunha área edificada continua ata Yokohama. A cidade prosperou no s XV e en 1868 trasladouse alí a capital. Durante o s XX foi reconstruída despois do terremoto de 1923 e tras a Segunda Guerra Mundial. Ten a área metropolitana máis grande do mundo, o Gran Toquio, con cidades satélites na periferia como Chiba, Kawagoe, Machida ou Fijisawa. O núcleo central comprende a cidade alta, Yamata, onde se atopan as principais institucións culturais (unhas 30 universidades), e a cidade baixa, Shitamachi, centro comercial e industrial. Cara ao S, esténdense, máis ou menos continuo, a industria pesada de metalurxia, maquinaria, cemento, química, caucho, materiais da construción, refinarías de petróleo e estaleiros. Ata o s VIII non había edificios nas súas proximidades. As loitas feudais do s XII fórona desprazando cara ao O, e en 1185 o clan Minamoto estableceuse na zona de Edo (estuario). En 1456 o príncipe Ota Sukenaga construíu un castelo ao redor de Edo, entón unha vila de pescadores. O castelo pasou (1590) a poder de Tokugawa Ieyasu, que o converteu na súa base principal, e cando foi nomeado shōgun, Edo pasou a ser a sé do bakufu (‘goberno’). Edo creceu rapidamente, pois moitos dos vasalos de Tokugawa tiveron que trasladarse á cidade. Fixéronse importantes obras públicas, especialmente de carácter defensivo, e xurdiron diferentes barrios residenciais ao N, como o de Marunouchi, e administrativos, mesteirais e populares ao S. A partir do s XVIII, a artesanía da seda, das armas e das selas competiu coas actividades agrícolas. En 1613 Edo tiña uns 150.000 h, que converteran a cidade no centro económico principal de Xapón. En 1868 a corte imperial trasladouse a Edo, que adoptou o nome de Toquio (capital oriental). Creouse a prefectura de Toquio e a súa administración foi reorganizada diversas veces. A modernización das comunicacións favoreceron o desenvolvemento, e en 1910 a electrificación dos transportes permitiu a absorción dos barrios periféricos. O terremoto de 1923 destrozou a cidade, pero a política imperialista da década de 1930 impulsou a expansión industrial, e en 1942 tiña xa uns 7.000.000 de habitantes. A Segunda Guerra Mundial aniquilouna outra vez, e quedou reducida a menos de 3 millóns. Foi refeita rapidamente ao estilo occidental coa axuda dos estadounidenses. A cidade conservou poucos monumentos históricos, e dos que subsistiron o máis representativo é o Palacio Imperial e o castelo de Edo (1467). O templo budista máis importante é o de Zojoti, peró só queda a porta de Sammon (1623); tamén destacan o templo budista de Sengajuki, o de Sanno (1654) e o de Jundai (1733). Afastado da cidade, sobre o outeiro de Kudon, está o de Yaskuni Jinja. Cabe destacar, tamén, o templo de Saido ou de Confucio (1691) e os xardíns de Kioi-Cho Koenchi e Ueno. A cidade experimentou un crecemento caótico e as zonas industrias alternaron cos barrios residenciais. Un grupo de arquitectos, dos que destaca Kenzo Tange, intentou planificar barrios a 70 km do centro da cidade, na busca dunha harmonía urbanística. Foi sede dos Xogos Olímpicos en 1964.