Toro Santos, Xesús Miguel de

Toro Santos, Xesús Miguel de

Escritor. Coñecido como Suso de Toro, está considerado como un dos escritores máis destacados da literatura galega contemporánea. Formado en historia da arte moderna e contemporánea, e militante do Movimiento Comunista de España (1973) e do Partido Obreiro Galego (1977), participou en actividades de diversas organizacións sindicais estudantís e de traballadores. Colaborador de diversos medios de comunicación, como Diario de Galicia e La Voz de Galicia, a súa obra, traducida e publicada en varios idiomas, e adaptada en parte á cinematografía, caracterízase polo seu afán crítico cara á sociedade galega actual. Cunha mestura de elementos rurais e urbanos, xunto á utilización dunha linguaxe popular, o autor pretende poñer en evidencia e ridiculizar todo aquilo que representa unha mera copia nos diversos ámbitos da sociedade, especialmente no político, cultural e social. A súa produción, que abrangue os campos da novela, o ensaio e a obra dramática, iniciouse co seu conto De 10 a 11, premiado no Certame Modesto R. Figueiredo. A esta obra seguíronlle, no apartado de narrativa, Caixón Desastre (1983, Premio Galicia), en que utiliza de forma maxistral as técnicas do diálogo; Polaroid (1986, Premio da Crítica Galicia), onde reflicte o dominio do monólogo interior e certos trazos do relato clásico; Land Rover (1988), unha novela dotada dunha complexa estrutura; Ambulancia (1990), unha aproximación ao xénero policial; Tic-Tac (1993, Premio de la Crítica Española), que reflicte o multiperspectivismo e a heteroxeneidade da mensaxe e dos seus propios personaxes; A sombra cazadora (1994), unha novela xuvenil, localizada nun futuro próximo e marcada polo seu dinamismo; Calzados Lola (1997, Premio Eduardo Blanco Amor), Círculo (1998), que foi adaptada para Teatro do Adro e Teatro de Ningures; Non volvas (2000, Premio de la Crítica Española), 13 Badaladas (2002, Premio Nacional de Narrativa 2003) e Morgún (2003), unha novela épica orientada a un público xuvenil en que mestura o clásico relato de aventuras co drama shakesperiano e a traxedia grega. Ademais da obra de teatro escrita para o grupo Artello Unha rosa é unha rosa (unha comedia de medo) (1996), no ámbito do ensaio destacan os textos xornalísticos Camilo Nogueira e outras voces: unha memoria da esquerda nacionalista (1991); F. M. (1991), que resulta imprescindible para coñecer a súa poética; Parado na tormenta (1996), onde analiza diversos aspectos da cultura e da sociedade galega; A carreira do salmón (2001); Nunca Máis Galiza á intemperie (2003); Españois Todos (2003), en que reivindica un modelo de estado máis europeo e menos centralizado; Ten que doer: literatura e identidade (2004), en que defende o retorno ás formas puras da traxedia e do drama; e Outra idea de España (2005), onde reivindica unha sociedade aberta e libre, á marxe do modelo estatal proposto pola dereita política.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela