Torrado Estrada, Ramón
Guionista e realizador cinematográfico, irmán de Adolfo Torrado Estrada. Dedicouse inicialmente á pintura que evolucionou da pintura tradicional cara ao cartelismo. Finalizada a Guerra Civil e instalado en Madrid, iniciou a súa relación co cine ao colaborar na adaptación cinematográfica de Manolenka, unha obra teatral do seu irmán e Leandro Navarro. En 1940 participou na versión cinematográfica doutra obra do seu irmán, El famoso Carballeira (1940), primeiro filme en que Cesáreo González actuou como produtor. A finais dese ano fundou a produtora Suevia Films-Cesáreo González, onde Ramón debutou como director na curtametraxe Tres maletas y un lío (1942), e nese mesmo ano rodou Campeones, unha longametraxe de tema futbolístico que obtivo un grande éxito xa que contou con destacados deportistas da época. Na segunda metade da década de 1940 a produtora levou a cabo unha serie de filmes cunha idea idílica de Galicia, pensada sobre todo para os galegos emigrados en Hispanoamérica, como Mar abierto e Sabela de Cambados, dirixidas por Ramón e escritas polo seu irmán. O seu grande éxito foi Botón de ancla (1947). A súa longa carreira rematou en 1978 con Pasión inconfesable.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid