Torre, castro da

Torre, castro da

Castro situado no cumio dun esporón de ladeira en Seoane do Courel. Escavado na década de 1990 por A. Álvarez Núñez, estivo habitado entre os ss II e IV. A súa planta, de forma oval, estaba defendida por unha muralla que rodeaba a croa, e contaba ademais cun sistema de pedras fincadas ao longo da ladeira, un foso en V na parte posterior do esporón e dúas torres que flanqueaban a entrada. Para acceder á croa construíuse un corredor lousado, de 1,5 m de ancho e 6 m de lonxitude. No seu interior apareceron restos de vivendas de plantas circulares e cuadrangulares, que poden estar acaroadas á muralla e que xa presentan portas de entrada de doada identificación. Algunhas conteñen no interior divisións amodo de patios e vestíbulos, bancos de pedra corridos acaroados ás paredes, fogares compostos por unha ou varias lousas e escaleiras que permiten o acceso ao exterior da cabana cando esta se atopa nun nivel máis alto ca o seu fondo. Apareceu tamén un alxibe rectangular escavado na rocha, que recollía a auga da chuvia.