Torrente Ballester, Gonzalo

Torrente Ballester, Gonzalo

Escritor, pai de Gonzalo Torrente Malvido. Autor dalgunhas das obras máis representativas da literatura española do s XX, deuse a coñecer nas décadas de 1940 e 1950. A súa narrativa está marcada inicialmente pola súa orixe rural e, co tempo, polas lecturas de lord Byron, R. Darío, H. Heine, V. Hugo, Mussett, Ortega y Gasset e Shelley, entre outros. Durante a súa etapa universitaria, en Oviedo, colaborou no periódico El Carbayón e, posteriormente, en Madrid, no anarquista La Tierra. Durante a súa estadía na capital asistiu ao parladoiro de Valle-Inclán e coñeceu a diferentes intelectuais, como Rafael Dieste e Carlos Maside. Licenciouse en Filosofía e Letras en 1935 e en 1936 accedeu a unha praza de profesor de historia da idade antiga na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente obtivo unha bolsa para viaxar a París e durante a súa estadía alí estalou a Guerra Civil en España e decidiu regresar a Galicia. Afiliado a Falange Española, formou parte do “bloque liberal”, xunto con P. Laín Entralgo e Dionisio Ridruejo. Volveu ás súas clases á universidade compostelá e conseguiu unha cátedra de Lingua e Literatura. Nesta época escribiu diversos dramas, como El viaje del joven Tobías (1938) e a súa primeira novela, Javier Mariño (1942). A súa crítica ao réxime franquista chegou co drama República Barataria (1943). Despois de exercer o ensino en Galicia, en 1947 decidiu instalarse en Madrid e colaborar en Arriba e en Radio Nacional de España. Nese mesmo ano publicou Mi reino por un caballo. Autor de diferentes libros de estudo, como Literatura española contemporánea: 1898-1936 (1949) e Teatro español contemporáneo (1957), entre 1957 e 1962 concibiu unha das triloxías novelescas máis importantes da literatura española, Los gozos y las sombras, composta por El señor llega, Donde da la vuelta el aire e La Pascua triste, que foi levada a televisión anos máis tarde cun extraordinario éxito. Posteriormente, tirou do prelo Don Juan (1963), en que ofrece as diferenzas sobre o personaxe de Zorrilla e Tirso de Molina. A súa obra Offside (1969), representa, a través das voces dos marxinados, o cuestionamento dunha época, mentres que La saga/fuga de J. B. (1972, Premio de la Crítica Española), converteuno nun autor moi apreciado, especialmente pola súa superación do socialrealismo e a renovación literaria que supuxo na época. Logo editou outro ensaio, El Quijote como juego (1973), onde reflexiona sobre Cervantes e o seu personaxe central, don Quixote; e Las sombras recobradas (1979), en que recolle tres contos de temática galega e dúas historias de humor. Outras obras da súa autoría son La isla de los jacintos cortados (1980, Premio Nacional de Literatura), en que trata algúns dos mitos que máis o obsesionaron; Dafne y ensueños (1983), en que conta gran parte da súa infancia; La rosa de los vientos (1985), Yo no soy yo, evidentemente (1987) e Filomeno a mi pesar (1989). Recibiu o Premio Príncipe de Asturias de las Letras (1983) e o Premio Cervantes (1985), e foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Salamanca (1987), Santiago de Compostela (1988) e La Habana (1992), ademais de Chevalier d’Honneur des Arts e des Lettres (1988) en Francia. Foi membro da Real Academia Española (1975).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Salamanca