Torres Queiruga, Andrés

Torres Queiruga, Andrés

Teólogo e escritor. Encetou a carreira eclesiástica no Seminario de Santiago de Compostela e estudou humanidades, filosofía e teoloxía na Universidad Pontificia de Comillas. Doutorouse en Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma cunha tese sobre o pensamento de A. Amor Ruibal e en Filosofía na Universidade de Santiago. Profesor de filosofía da relixión na Universidade de Santiago, coordinou o equipo de especialistas que traduciu a Biblia ao galego. Director de Encrucillada. Revista Galega de Pensamento Cristián, das súas obras destacan Teoloxía e Sociedade (1974), Constitución y evolución del Dogma. La teoría de Amor Ruibal y su aportación (1977), Recupera-la salvación (1977, Premio da Crítica 1978), Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri (1990), O inferno a revisión (1995), El problema de Dios en la Modernidad (1998), Para unha filosofía da saudade (2003), Repensar a resurrección (2003), Esperanza a pesar del mal: la resurrección como horizonte (2005), Diálogo das relixións e autoconciencia cristiá (2005) e Filosofía de la religión en Zubiri (2005). É membro do Consello da Cultura Galega e numerario da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Aguiño, Ribeira