Toulouse
Cidade de Occitania, capital do departamento de Alto Garona e da rexión administrativa de Midi-Pyrénées, Francia (390.350 h [1999] e 761.090 h [1999] a aglomeración urbana). É un núcleo industrial dunha grande importancia, con industria química, aeroespacial, mecánica, electrónica, téxtil, de calzado, de papel e alimentaria. Fundada no s IV ou III a C, foi capital dos volscos tectosagos. Durante a época imperial, foi unha das cidades máis ricas e florecentes da Galia Narbonesa. O cristianismo chegou no s III, e o primeiro bispo coñecido é san Sadurniño. Conquistada por Ataúlfo (413), foi capital do Reino de Tolosa e, apresada polos francos (507), centro do ducado de Aquitania (630) e capital do Reino de Aquitania, creado por Carlomagno (781), ao tempo que centro do condado de Tolosa. Na cruzada albixense foi o centro da resistencia occitana. Foi conquistada por Simon de Montfort (1216). En 1229 someteuse ao Rei Luís IX de Francia e pasou á coroa francesa en 1271. A construción do canal do Midi, no s XVII, deu unha nova vitalidade que recuperou aínda despois da Revolución Francesa, co crecemento urbano e co aumento das funcións comerciais. Do seu patrimonio cultural destaca a basílica de Saint Sernin (s XII), a igrexa dos Xacobinos (ss XIII-XIV) e o Capitolio (1750-1753).