Tracia
Rexión histórica do SL de Europa que abrangue o sector máis oriental da península balcánica e está repartida entre Grecia, Bulgaria e Turquía. A agricultura e a gandaría son a base dos seus recursos económicos, con cultivos de vide, oliveiras, tabaco e froiteiras. A cidade máis importante é Istambul. Mentres que en Bulgaria, Tracia non se corresponde con ningunha división administrativa, en Turquía equivale a 5 iller (23.764 km2; 6.021.600 h [1990]), e en Grecia constitúe unha rexión con 3 nomoí (8.578 km2; 337.536 h [1991]). Ocupada polos persas desde 492 a C, Tracia viuse sometida a unha dobre influencia ateniense e macedonia. Contra esta inxerencia foi creado o reino dos odrisios ata que, coa intervención de Filipo II de Macedonia (342-341 a C), pasou a ser posesión macedónica, mantida baixo Alexandre o Magno e Lisímaco. Morto este (282 a C), a rexión pasou sucesivamente aos odrisios e aos celtas, e o territorio da costa aos seléucidas e aos ptolemaicos. No 46 Claudio anexionouna ao Imperio e consolidou así a dominación romana, que se distinguiu pola creación de numerosas colonias (Apsi, Deultum, Plotinópolis, Marcianópolis, Adrianópolis, Traxanópolis). Tras a invasión goda (s III), baixo Diocleciano, foi dividida en catro provincias, e desde entón os emperadores bizantinos defendérona contra as incursións dos godos, dos hunos e dos búlgaros (ss V-VII). Diocese civil, constituíu tamén unha diocese eclesiástica cun metropolitano en Heraclea, de cuxa xurisdición foi subtraída Bizancio cando, convertida en capital do Imperio Bizantino co nome de Constantinopla, pasou a ser patriarcado. En 1361, coa conquista de Adrianópolis, os turcos iniciaron o seu dominio sobre toda a rexión ata 1878. A partir desta data, a parte setentrional foi rexión autónoma co nome de Rumelia Oriental, e desde 1885 formou parte de Bulgaria. Ao rematar as Guerras Balcánicas (1913), a Tracia occidental (comprendida entre os ríos Mesta e Marica) foi recoñecida como posesión búlgara, mentres que a Tracia oriental (ao L do río Marica) foi recoñecida como posesión turca. Despois da Primeira Guerra Mundial e grazas aos tratados de Neuilly (1919) e de Sèvres (1920), Grecia obtivo en detrimento de Bulgaria o dominio da Tracia occidental e da ribeira do Mar Exeo, e incluso a posesión da Tracia oriental, territorio que despois da derrota helénica en Asia Menor (1922) foi devolto a Turquía (1923). Durante a Segunda Guerra Mundial, Bulgaria, aliada coas forzas do Eixe, apoderouse novamente da Tracia exea e restituíuna en 1945.