Transvaal

Transvaal

Antiga provincia de República Surafricana, situada na banda nororiental do estado, que existiu ata a fin do apartheid. A partir desa data dividiuse en catro provincias; Gauteng (17.010 km2; 7.780.631 h [estim 2000]), Noroeste (116.320 km2; 3.532.824 h [estim 2000]), Mpumalanga (79.490 km2; 3.004.916 h [estim 2000]) e Limpopo (123.910 km2; 5.495.679 h [estim 2000]). Limitaba coas provincias de Natal e Orange ao S, Swazilandia ao SL, Moçambique ao L, Zimba-bwe ao N, Botswana ao O e a provincia do Cabo ao SO. A súa capital era Pretoria. Situado sobre un altiplano lixeiramente inclinado e atravesado por sistemas montañosos de SO a NL, con altitudes de 1.200 a 1.800 m, o territorio está drenado por numerosos ríos, afluentes do Limpopo, o que marcaba a fronteira setentrional, e polo Vaal, afluente do Orange, que sinalaba a fronteira meridional. A economía rural baseábase na gandaría (gando bovino e ovino) e no cultivo de millo miúdo, sorgo, patacas, algodón e tabaco. Non obstante, sobresaía da economía surafricana pola súa industria e riqueza mineira (os seus xacementos de ouro e diamantes son os máis importantes do mundo). Ademais ten minas de cobre, cromo, cobalto, tungsteno e uranio. As cidades máis importantes eran Pretoria e Johannesburgo. Habitada por diversas tribos africanas, a presenza europea en Transvaal non comezou a ser fixa ata 1818, cando uns aventureiros e mestizos se instalaron no Marico Valley, seguidos ao pouco por uns misioneiros e por unhas tribos expulsadas de Zululandia, e máis tarde pola migración dos bóers do Cabo (1835-1837) e de Natal (desde 1843). Os colonos provenientes do Cabo, dirixidos por A. H. Potgieter, instaláronse no N do territorio, e os que procedían de Natal, guiados por A. W. Pretorius, establecéronse no SL. En 1857 ambos os dous grupos proclamaron a República Surafricana, que foi presidida polo fillo de Pretorius, M. W. Pretorius. Os bóers de Lydenburg e Utretch, xuntos desde 1858, uníronse á República en 1860. Mentres, M. W. Pretorius tamén se convertera en presidente do estado libre de Orange (1859-1863), co apoio do xeneral S. J. P. Krüger, que venceu na Guerra Civil (1861-1864) causada polos adversarios da confederación con Orange. Non obstante, esta fracasou e Pretorius só mantivo a presidencia de Transvaal. En 1867 descubríronse diamantes en Orange e nos ríos de Vaal, e en 1868-1869 atopouse ouro en Lydenburg, o que fixo que Reino Unido se anexionase a área diamantífera. Pretorius, que non o puido impedir, dimitiu (1871), e foi sucedido por T. F. Burgers (1872-1877). En 1877 os británicos anexionaron a república. Dirixida por Shepstone, en 1880 alzouse e proclamouse novamente a república. As tensións levaron a unha guerra de Transvaal e de Orange cos británicos (1899), que culminou coa conversión de ambas as dúas repúblicas en colonias británicas. Entre 1907 e 1910 Transvaal foi presidido polo xeneral bóer L. Botha, e en 1910 integrouse na Unión Surafricana (República de Suráfrica).

Palabras veciñas

transudar | transunto | transuránico -ca | Transvaal | transvasamento | transvasar | transversal