Trento
Capital de Trentino-Alto Adige e da provincia homónima, no Trentino, Italia (104.844 h [2001]). Situada no val do río Adige, é un importante núcleo de comunicacións, e ten industria de mobles, metalúrxica e téxtil. Conquistada polos romanos en 222 a C co nome de Tridentum, recibiu o dereito de cidadanía romana en 49 a C. Sé dun bispado desde o s IV, foi ocupada polos ostrogodos no s V, e pouco despois polos longobardos, que crearon nela un ducado. Baixo os carolinxios converteuse en capital dunha marca. Uniuse ao Reino de Xermania en 952, e foi posta baixo a soberanía dos seus bispos entre 1004 e 1801. En 1407 os tridentinos obtiveron nunha revolta o recoñecemento dos dereitos comunais. A cidade foi embelecida, e tivo un forte impulso económico grazas ao bispo Bernardo Clesio (1514-1538). Grazas á súa situación de terra italiana sometida ao emperador, foi escollida como sede do Concilio de Trento, entre 1545 a 1563. Napoleón I Bonaparte fíxoa centro do departamento do Alto Adige (1810-1813), e despois foi unida a Austria (1814-1815), á que pertenceu ata 1918, cando se uniu a Italia. Conserva restos de murallas e outros edificios romanos, e tamén da muralla medieval (primeira metade do s XIII). A catedral é de estilo lombardo, románico-gótico, comezada no s XII. O Castello del Buon Consiglio é unha ampla construción, formada por unha parte antiga (s XIII) que foi ampliada no s XV, e convertida en sede do Museo Nazionale e do Museo del Risorgimento. Son abundantes os seus pazos (ss XVI e XVII). Destacan os monumentos a Dante (1896) e a Cesare Battisti (1935).