Trento, Concilio de
Décimo noveno concilio ecuménico que celebrou 25 sesións durante os anos 1545-1547, 1551-1552 e 1562-1563, baixo os pontificados de Paulo III, Xulio III e Pío IV, que enviaron como legados, sucesivamente, aos cardeais Del Monte, Cervini e Pole; Crescenzi e os bispos Pighino e Lippomani; e os cardeais Gonzaga, Seripando, Hosius, Simonetta, Hohenems, Morone e Navagero. Clemente VII obrigouse a convocalo na Paz de Barcelona (1529), pola que se comprometía a coroar a Carlos V emperador. Paulo III convocouno en Mantua (maio de 1537), e despois en Vicenza (outubro de 1537), pero a escasa presenza episcopal e a negativa luterana a participar nel atrasaron a súa inauguración, ata que en 1539 foi definitivamente adiado. Finalmente foi escollida como sede a cidade de Trento, que a pesar de formar parte do Imperio era considerada italiana. Tras fracasar unha primeira convocatoria (1542) e adiarse unha segunda (1545), finalmente, e a pesar do escaso número de asistentes, 25 bispos, inaugurouse o 13 de decembro de 1545. Suspendido en 1547, Xulio III volveuno convocar en 1551 e obtivo inicialmente a presenza dos luteranos, pero a derrota do emperador e a enfermidade do cardeal legado forzaron a súa suspensión. Novamente convocado en 1562, asistiron 199 bispos e o episcopado francés, ausente nas dúas primeiras etapas, tomou parte nesta. A cabalo entre dúas épocas históricas, Trento representou o esforzo da Igrexa por reflexionar teoloxicamente sobre un conxunto de cuestións, postas en crise polo protestantismo (valor da tradición e a súa relación coa Escritura, o pecado orixinal, a xustificación e os sacramentos. Os teólogos e prelados españois e italianos foron os máis destacados, tanto polo seu número como pola influencia que exerceron. Pola súa contribución destacan Domingo de Soto, Diego Laínez, Alfonso Salmerón, Reginald Pole, Melchor Cano e Johannes Azra.