Tréveris
Cidade do land de Renania-Palatinado, Alemaña (97.200 h [1990]). Situada no val do Moselle, preto da fronteira con Luxemburgo, é unha cidade tranquila, centro do comercio vinícola do Moselle. Nos seus arredores explótanse minas de cobre e xacementos de xeso. Antiga Augusta Treverorum, fundada por Augusto (15? a C), foi capital de Bélxica e sede do legado e do procurador, con autoridade sobre as dúas Xermanias. Co ordenamento de Diocleciano converteuse en sede do césar de Occidente (Galerio) e centro político e cultural das provincias setentrionais do Imperio, onde todos os emperadores, desde Constantino, residiron moito tempo. Baixo Pipino I e Carlomagno recuperou o seu antigo esplendor, pero pronto decaeu a causa das loitas entre o conde e o bispo e do saqueo dos normandos. Establecéronse nela os beneditinos, que se esforzaron para impoñer os seus dereitos sobre a cidade fronte os dereitos do bispo que, despois de adquirir os dereitos do conde, se convertera en bispo príncipe de Tréveris. Desde comezos do s XIV o bispo príncipe foi un dos tres electores eclesiásticos do Sacro Imperio. A súa submisión ao elector palatino (1580) durou ata a entrada dos franceses (1790), que a converteron na capital do departamento francés do Sarre. En 1815 a cidade pasou a Prusia, e despois da Primeira Guerra Mundial foi ocupada polas tropas aliadas (1918-1930). Os monumentos romanos, a catedral e a igrexa de Nosa Señora foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1986.