Trienio Constitucional ou Trienio Liberal
Período da historia de España (marzo de 1820-setembro de 1823) en que estivo vixente un goberno constitucional, establecido tras a aprobación da Constitución de 1812 por Rafael del Riego en Cabezas de San Juan, o 1 de xaneiro de 1820. O 9 de marzo, o Rei Fernando VII tivo que xurar a Constitución e axiña se formou o goberno Pérez de Castro-Argüelles e se reuniron as Cortes, formándose ademais dous partidos: o dos moderados, e o dos exaltados, partidarios da radicalización da revolta de 1820. As primeiras medidas tomadas foron orientadas cara á desamortización e a reforma das ordes monásticas, a supresión de morgados e vinculacións ou a formación de concellos constitucionais. O 1 de marzo de 1821 reuniuse a segunda lexislatura, da que xurdiu o ministerio Bardagí-Feliu, que se reorganizou ao final daquel ano como consecuencia da axitación provocada polo asasinato do capelán absolutista Matías Vinuesa y López de Alfaro. Logo dun intento de golpe de estado da garda real, en 1822 Evaristo San Miguel formou un goberno que actuou como unha ditadura militar de esquerda. Daquela a insurrección absolutista, alentada por Fernando VII, xa era xeral. No verán de 1822 foi establecida a Rexencia de Urgell, formada polo arcebispo Creus, polo marqués de Mataflorida e polo barón de Eroles, que contaba co apoio do goberno francés, ao que Fernando VII solicitou axuda cando a rexencia foi posta en fuga polas campañas de Mina. A intervención militar da Santa Alianza foi decidida polo Congreso de Verona (outubro-decembro de 1822) e o 7 de abril de 1823 atravesaba a fronteira un exército francés de máis de 100.000 homes, coñecidos como os Cen Mil Fillos de San Luís e baixo o mando do duque de Angulema, cuxa invasión non foi máis que un paseo militar, dado que as forzas liberais se desintegraban. Fernando VII declarou nulo todo aquilo que fose feito ou lexislado desde o 7 de marzo de 1820 e iniciou a persecución dos liberais, restaurando a situación previa ao Trienio, a excepción do Santo Oficio, cuxa supresión foi definitiva.
O Trienio Liberal en Galicia
En Galicia este período iniciouse coa sublevación da gornición da Coruña, o 21 de febreiro, apoiada pola burguesía e as clases populares. Inmediatamente constituíuse a Xunta Superior de Goberno, que gozou de plenos poderes políticos e militares ata a súa disolución o 19 de xullo de 1820. Os pronunciamentos de Ferrol e Vigo producíronse o 23 de febreiro, e o de Pontevedra o 25 do mesmo mes. Nas principais cidades constituíronse sociedades patrióticas, que apoiaron a Xunta e disolvéronse por orde do goberno o 21 de outubro de 1820. Mentres, as cidades episcopais opuxeron resistencia e foron tomadas polas armas. A oposición activa contra o liberalismo estivo protagonizada polos cabidos, apoiados por un sector da fidalguía, que constituíron a Xunta Apostólica de Galicia en Tui, posteriormente Xunta de Subsidio e Armamento. A partir de 1822 apareceron nas zonas rurais partidas realistas, integradas por membros do clero e da fidalguía. A resistencia galega fronte aos Cen Mil Fillos de San Luís foi liderada inicialmente polo xeneral Pablo Morillo, que constituíu unha Xunta Gobernativa autónoma do goberno central en Lugo, o 25 de xuño de 1823. A Coruña, derradeiro bastión liberal, resistiu ata o 13 de agosto de 1823.