Trieste
Capital da rexión de Friuli-Venecia-Xulia e da provincia homónima, en Friuli, Italia (209.520 h [2001]). É o porto máis importante de Italia despois do de Xénova, situado na costa setentrional do Adriático, no fondo do golfo de Trieste. O desenvolvemento da cidade comezou a principios do s XVIII, ao obter a categoría de porto franco, e afirmouse como porto de tránsito ata que foi aberto o canal de Suez. Ligada ás funcións portuarias, desenvolveuse a actividade industrial, principalmente nas ramas da siderurxia e os estaleiros. Habitada orixinariamente polos celtas, a antiga Tergeste foi colonia romana (s II a C), pero despois da caída do Imperio Romano, pasou a poder dos godos, bizantinos, longobardos e francos. Municipio libre (1060), caeu baixo o dominio de Venecia (1202), malia conservar o seu goberno interno e en 1382 pasou ao dominio dos Habsburgo. Moi próspera no s XV, foi a principal saída ao mar de Austria. Ocupada polos franceses durante as guerras napoleónicas, en 1813 volveu ao dominio de Austria, que lle concedeu un estatuto de cidade provincia autónoma (1850). Núcleo destacado do irredentismo, alzouse contra a dominación austríaca e foi ocupada por Italia (1918), da que pasou a formar parte. Ao final da Segunda Guerra Mundial foi ocupada por Iugoslavia. Foi capital do estado libre de Trieste, creado polo Tratado de Paz de París (1947), que comprendía a cidade e unha pequena zona desde Duino a Cittanova (Novigrad). O Tratado de Londres (1954) púxolle fin ao estado de Trieste: a zona norte, que incluía a cidade, pasou a formar parte de Italia, e o resto, a Iugoslavia. En 1975 Italia e Iugoslavia asinaron preto de Osimo un tratado que lle puxo fin á cuestión fronteiriza de Trieste. Este tratado anulou o de Londres de 1954.