Trinidad e Tobago
Estado insular da América do Sur, nas pequenas Antillas (5.128 km2; 1.114.772 h [2000]). A capital é Port-of-Spain.
Xeografía
A república está constituída por Trinidad, a máis meridional das illas do Caribe, e por Tobago, que está a uns 32 km ao NL de Trinidad. Esta illa, situada na costa norte de Venezuela, representa o 94% da superficie total do país. A economía foi profundamente transformada nos últimos decenios, e pasou dunha estrutura agrícola a unha fase de expansión, por razón da explotación de ricos xacementos de petróleo (SO de Trinidad e golfo de Paria), gas natural e asfalto (Pitch Lake), elaborados integramente no país. Os cultivos principais son o da caña de azucre, o café, o cacao e os cítricos. A pesca, malia ser a pequena escala, é importante polo consumo interno. Hai refinarías de petróleo en Pointe-à-Pierre, Point Fortin e La Brea, cuxa capacidade obriga a buscar petróleo bruto en América do Sur e no Golfo Pérsico. A industria inclúe tamén o sector alimentario, do ferro e do aceiro, a química, o tabaco, o papel e a publicación. Conta cunha boa rede de estradas (8.320 km en 1996). O porto principal é Port-of-Spain, e o aeroporto, Piarco. O comercio exterior céntrase na importación de maquinaria e vehículos, manufacturas de base e alimentos de EE UU, Venezuela e Reino Unido; e na exportación de produtos petrolíferos e químicos, e manufacturas de base de EE UU, as Antillas Holandesas e Barbados. País densamente poboado (217,4 h/km2), a maioría da poboación habita na illa de Trinidad. O crecemento anual do período 2000-2005 fixouse no 0,3%. A poboación urbana supón o 75,4% (2000) do total.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación está constituída por indios (40,3%), negros (40%), mestizos (18,4%) e minorías branca (0,6%), chinesa (0,4%) e outras (0,3%). A lingua oficial é o inglés, pero tamén se fala o hindi, o castelán, dous crioulos do inglés e un crioulo do francés. As comunidades relixiosas máis importantes son a católica (29,4%), a hindú (23,8%), a protestante (18,8%) e a anglicana (10,9%), seguidas da musulmá (5,8%) e doutras relixións (11,3%).
Indicador de Desenvolvemento Humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Trinidad e Tobago entre os países cun desenvolvemento humano alto (54° posto mundial cun índice de 0,801). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 66 anos para os homes e 71 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 98,5% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 64% e o PNB real por habitante é de 9.430 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica, pertenceu á Federación da India Occindental (1958-1961) e acadou a independencia como república o 31 de agosto de 1962. Segundo a Constitución do 1 de agosto de 1976, o poder executivo reside no presidente da república, elixido por un colexio electoral para un período de 5 anos. O poder lexislativo exérceo o Parliament, composto por dúas cámaras: The House of Representatives, formada por 36 membros elixidos por sufraxio universal para un período de 5 anos; e o Senate, composto por 31 membros dos que 16 son nomeados polo partido maioritario, 9 polo presidente da república e 6 polos partidos minoritarios. O sistema legal baséase na common law e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Os principais partidos políticos son o People’s National Movement (PNM), o United National Congress (UNC), a National Alliance for Reconstrution (NAR) e a Citizen’s Alliance (CA). Organismos internacionais: Commonwealth, Mercado Común do Caribe, Organización dos Estados Americanos (OUA), ONU e Organización Internacional do Traballo (OIT).
Historia
Ambas as dúas illas foron descubertas por Cristovo Colón en 1498. Conquistadas por Diego de Sedeño (1532) e colonizadas por Jiménez de Quesada (1592), Tobago foi ocupada polo inglés Keymis en 1596, mentres que Trinidad permaneceu baixo a soberanía española. Foron disputadas por ingleses, franceses, holandeses e españois, ata que en 1802 o Tratado de Amiens cedeu Trinidad a Reino Unido. Tobago foi cedida en 1814. En 1888 ambas as dúas illas foron unidas politicamente e en 1956 obtiveron un goberno autónomo. Formaron parte da Federación das Indias Occidentais (1958-1962), pero o 31 de agosto de 1962 acadaron a independencia e formaron unha república dentro da Commonwealth. O PNM de Eric Williams, socialista e de base negra e mestiza, venceu nas eleccións de 1966, e confirmou o poder aos prooccidentais. Por causa disto, en 1970 estalou unha revolta negra, afogada polas forzas angloestadounidenses. As eleccións de 1971, 1976 e 1981 foron gañadas amplamente polo MNP, cuxo goberno estivo encabezado ata 1981 por E. Williams e despois por George M. Chambers. En 1986 o MNP foi desprazado do poder como consecuencia da vitoria nas eleccións xerais da NAR e Arthur Napoleon Robinson converteuse en primeiro ministro. En 1990 houbo un intento de golpe de estado por parte dos musulmáns que ocuparon a sede do parlamento e tomaron a Robinson e outros funcionarios como reféns durante varios días. Nas eleccións de 1991 venceu o MNP e Patrick Manning converteuse en primeiro ministro. Nas eleccións de 1995 o MNP e UNC obtiveron un empate e o UNC formou unha coalición de goberno co NAR. Basdeo Panday do UNC converteuse no primeiro ministro descendente de indios que acadaba o cargo nun país do Caribe. Ese mesmo ano Arthur Napoleon Robinson converteuse en presidente da República. Nas eleccións xerais de 2000 o UNC obtivo a maioría parlamentaria e B. Panday continuou como primeiro ministro, non obstante nas lexislativas de 2001 o UNC e o MNP acadaron o mesmo número de escanos na House of Representatives e o presidente Robinson nomeou primeiro ministro a Patrick Manning do MNP, que se mantivo no cargo tras as eleccións de 2002. En 2003 acadou a presidencia da república George Maxwell Richards, do MNP.