Trinta Anos, Guerra dos

Trinta Anos, Guerra dos

Conflito bélico de carácter europeo (1618-1648), que se prolongou na guerra entre Francia e a monarquía hispánica, que durou ata 1659. A primeira fase, chamada bohemio-palatina (1618-1625), iniciouse coa insurrección de Bohemia e os estados da Casa de Austria contra o futuro Emperador Fernando II, de tendencias absolutistas e católicas. Os nobres bohemios elixiron rei ao elector Federico V do Palatinado (1619), pero as tropas da Liga Católica, baixo o mando de T’Serclaes de Tilly, puxeron fin ao reinado de Federico na Batalla da Montaña Branca (1620). Comezou logo a chamada fase danesa (1625-1629), coa intervención de Cristián IV de Dinamarca. T’Serclaes de Tilly derrotou aos daneses na Batalla de Lutter (1626,) e Cristián IV renunciou a intervir en Alemaña (Paz de Lübeck, 1629). A intransixencia de Fernando II, que promulgou o Edito de Restitución (1629), provocou a continuación da loita. Iniciouse entón a chamada fase sueca (1630-1635). Gustavo II Adolfo de Suecia, con apoio francés, interveu na loita e venceu ao exército imperial de Tilly en Breintenfeld (1631), mentres os saxóns, aliados dos suecos, conquistaban Praga (1631). Os suecos foron derrotados en Nordlingen (1634), e o emperador firmou a Paz de Praga (1635) cos príncipes alemáns. A derrota sueca deu paso á fase francesa (1635-1648). Richelieu declarou a guerra a Filipe IV de España (1635), e un exército imperial invadiu o N de Francia. Pero as tropas hispanas foron derrotadas no mar polos holandeses (1639), e as revoltas de Catalunya e Portugal obrigaron á monarquía hispánica a limitar as súas obrigas fóra da Península Ibérica. A Capitulación de Arrás ante os franceses (1640) comprometeu a posición hispánica nos Países Baixos, e unha contraofensiva en territorio francés acabou coa decisiva vitoria francesa de Rocroi (1643). A Paz de Westfalia (1648) puxo fin á guerra, pero a loita entre as coroas de España e Francia continuou ata 1659 (Tratado dos Pireneos). A vitoria do exército francés de Condé sobre o español en Lens (1648) viuse compensada polo estoupido da Revolta da Fronda (1649-1653). A vitoria decantouse cara a Francia a partir de 1655. Polo Tratado dos Pireneos (1659), que puxo fin á guerra, Francia obtivo Rosellón, o N da Cerdanya, Artois e numerosas fortalezas nos Países Baixos e Luxemburgo.

Palabras veciñas

1 trinquete | 2 trinquete | trinta | Trinta Anos, Guerra dos | Trinta, Consello dos | trintena | trintismo